Ir o contido principal

Abre o prazo de matrícula para participar nunhas xornadas sobre a innovación no medio rural que se celebrarán en Lugo

As xornadas, organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística de Veterinaria, serán o 9 e 10 de abril

Estudantes de Veterinaria e de titulacións agrarias da Escola Politécnica Superior de Lugo son os principais destinatarios das xornadas ‘Achegándonos ao medio rural’ que se desenvolverán no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria os días 9 e 10 de abril. Os interesados en participar poden formalizar a súa matrícula dende hoxe e ata o vindeiro 26 de marzo a través da páxina web http://www.usc.es/snl/dinamiza/mediorural.htm.
Estas xornadas teñen como finalidade o achegamento a iniciativas e proxectos innovadores no medio rural dentro dun marco de sustentabilidade ambiental, económica, social e lingüística. Deste xeito daranse a coñecer experiencias que inclúen medios de produción con aproveitamento de recursos locais e abaratamento de custos, proxectos innovadores de agricultura e gandeiría ecolóxica, conservación e mellora de razas autóctonas, así como a comercialización en galego como bandeira ou distintivo de calidade.
Profesionais do sector, como veterinarios, agrónomos, economistas, gandeiros e outros empresarios, participarán nos debates e táboas redondas desta actividade para avaliar a necesidade de formar profesionais preparados para acometer os importantes retos que se presentan no medio rural, co obxecto de que sexa moderno, emprendedor e capaz de liderar o desenvolvemento da sociedade galega.
As xornadas ‘Achegándonos ao medio rural’ están organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e os Comités. A Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, a Consellaría de Medio Rural, a Deputación Provincial de Lugo, a Facultade de Veterinaria, a Fundación Rof Codina e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia financian a actividade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2010.