Ir o contido principal

Abren novas vías para o estudo da metástase partindo de modelos animais mariños

Alicia L. Bruzos no CiMUS
Alicia L. Bruzos no CiMUS
A investigación da USC achega novos datos sobre a transmisibilidade do cancro e o seu carácter contaxioso entre diferentes especies e incide na necesidade de identificación e caracterización xenética dos animais ‘donantes’ para a súa prevención
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de desvelar novos datos sobre a aínda pouco coñecida natureza contaxiosa do cancro. O artigo, publicado na revista eLife, recolle os primeiros resultados do proxecto europeo Scuba Cancers, no que participan —ademais do grupo Xenomas e Enfermidade, liderado polo profesor Jose Tubío— equipos da Universidade de Vigo, así como de Portugal, Francia, Irlanda e Croacia. O persoal científico de Scuba Cancers afondou nun novo caso de cancro contaxioso que afecta a unha especie de ameixa. Para iso, colleitaron máis de 500 unidades deste molusco bivalvo nos países que integran o proxecto e atoparon un tipo de cancro similar á leucemia chamado  neoplasia  hémica. As tecnoloxías de secuenciación de ADN permitiron descubrir que as células canceríxenas da especie orixinal “poden saltar entre especies comportándose de maneira infecciosa”, segundo apunta a investigadora do CiMUS, Alicia  L.  Bruzos.

Ademais, tal e como sinala o profesor Tubío, “o estudo xenético destes cancros contaxiosos é un novo punto de vista para tentar entender a metástase, é dicir, a propagación do cancro a outros órganos do corpo. Con este novo caso de cancro contaxioso agora contamos con máis modelos para estudar as causas xenéticas da transmisibilidade do cancro”.

Os cancros contaxiosos descubríronse recentemente grazas aos avances do campo da xenética que permiten determinar en que individuo se orixinou unha célula  tumoral. Actualmente só se coñecen cancros contaxiosos en cans, demos de Tasmania e varias especies de mexillóns, ameixas e berberechos. O estudo do ADN, tanto nuclear como  mitocondrial, revelou, tal e como se evidencia no artigo, que este cancro orixinouse nunha ameixa ‘doante’ diferente que habita as mesmas rexións que as primeiras ameixas ‘receptoras’. O contaxio de cancro entre especies próximas alerta, por tanto, do perigo que supoñen estes cancros contaxiosos.

Ameaza ecolóxica

“Os nosos achados confirman que os cancros transmisibles mariños poden saltar entre especies e sinalan a necesidade da súa identificación e caracterización xenética para a súa monitoraxe e prevención porque podería supoñer un perigo para o ecosistema mariño e unha seria ameaza ecolóxica”, sostén a investigadora do  CiMUS.

“Un estudo previo sobre o cancro contaxioso de mexillóns que se atopa nas costas europea e suramericana propuxo como potencial vía de contaxio a viaxe de mexillóns adheridos aos cascos de barcos que realizan roteiros comerciais entre Europa e Sudamérica”, afirma Alicia  L.  Bruzos. Isto suxire profundar no coñecemento do roteiro completo dos  contaxios de cancro, e as vías de transporte, para coñecer as causas reais da transmisión.

O cancro contaxioso sobrevive á morte da ameixa en que se orixinou porque infecta a novas ameixas. De feito, o cancro contaxioso que padecen os cans estimouse que ten uns 8.500 anos. “Futuros estudos permitirannos lanzar luz sobre a idade do cancro contaxioso das ameixas doantes, pero como mínimo, sábese que teñen uns nove anos de antigüidade, xa que as mostras analizadas neste estudo foron colleitadas entre 2011 e 2020”, sostén o investigador Daniel García-Souto. O proxecto Scuba Cancers está financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con 1,5 millóns de euros.

O profesor Tubío lidera o grupo Xenomas e Enfermidade
O profesor Tubío lidera o grupo Xenomas e Enfermidade
Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2022.