Ir o contido principal

Ábrese o prazo para participar no Programa de préstamo de bicicletas da USC

Cartel do Programa de Préstamo de Bicicletas da USC
Cartel do Programa de Préstamo de Bicicletas da USC

Por cuarto ano consecutivo a USC, en colaboración coa asociación ecoloxista galega Verdeagaia, pon en marcha o Programa de préstamo de bicicletas dirixido a todos os membros da comunidade universitaria tanto do campus de Lugo como de Santiago. Mediante este programa, que coordina a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, poranse en préstamo gratuíto 300 bicicletas.
O prazo para presentar solicitudes, obrigatoriamente a través do web, durará desde este venres ata o vindeiro 11 de marzo ás 14:00 horas. As persoas interesadas serán seleccionadas por estrita orde de presentación tendo, iso si, preferencia as solicitudes que realicen tanto os estudantes bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria nos centros docentes como os de Aula Verde dos colexios maiores e residencias universitarias.
As listaxes de persoas seleccionadas e de agarda serán publicadas no web do Programa nos días posteriores ao remate do período de solicitude. Xunto coa lista de concesións tamén se publicará o día do mes de marzo en que cada persoa poderá recoller a súa bicicleta.
O programa de préstamo enmárcase nas iniciativas nas que traballa o Plan de Desenvolvemento Sostible para o fomento do uso de medios de transporte alternativos ao automóbil, que permite unha redución das emisións de CO2 e busca conseguir unha menor incidencia doutros problemas asociados ao tráfico como son a contaminación acústica ou a excesiva ocupación de espazos.
Alta participaciónNa convocatoria do curso pasado acadouse unha participación alta -408 solicitudes- correspondendo o 88,7% a estudantes, o 6,7% ao Persoal Docente e Investigador e o 4,6% ao Persoal de Administración e Servizos. A Escola Politécnica Superior de Lugo e a Facultade de Medicina e de Odontoloxía de Santiago foron os centros de maior demanda.
Da campaña do pasado curso que rematou en setembro despréndese que os beneficios para a saúde, a contribución á calidade de vida urbana así como a rapidez son, por esta orde, os motivos para usar a bicicleta nas persoas que tiveron unha da USC en préstamo, segundo se reflicte nunha enquisa. Estas motivacións levaron a que, como se pon de manifesto no estudo anual de mobilidade da Oficina de Desenvolvemento Sostible, en 2008 o uso da bicicleta, aínda manténdose en niveis baixos (3,5% do total da comunidade universitaria), se duplicou respecto do ano anterior.
Descontos para mercar bicicletasA finais de novembro de 2009 a USC asinou un convenio cunha empresa subministradora de bicicletas localizada na cidade de Lugo e con outra en Santiago. Todas aquelas persoas que estean interesadas na adquisición dunha bicicleta gozando das vantaxes do convenio deberán dirixirse a Bicicletas Oliveira, en Santiago de Compostela, e a Hijos de Félix Latorre, en Lugo, e presentar a tarxeta universitaria. Os servizos prestados por estas dúas empresas inclúen descontos tanto na adquisición de novas bicicletas como na de materiais complementarios para os ciclistas, de pezas de bicicletas e man de obra nos arranxos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2010.