Ir o contido principal

Ábrese o prazo de presentación de candidaturas para o XVIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Instante do acto de entrega do premio na edición pasada Foto: GCU
Instante do acto de entrega do premio na edición pasada Foto: GCU

O Grupo Compostela de Universidades e a Xunta de Galicia animan ás universidades da Asociación, así como a todo tipo de institucións oficiais, a presentar candidaturas ao Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. A data límite é o día 15 de abril. O galardón, que celebra a súa XVIII edición, premia persoas e organizacións promotoras de proxectos ou ideas de calado internacional, especialmente aquelas relacionadas co ideal común europeo, a educación e a preservación da nosa herdanza cultural. O gañador, cuxo nome farase público no mes de maio, recibirá a cuncha de ouro emblema do Grupo e 6.000 euros para doar a unha ONG ou proxecto educativo da súa elección. A cerimonia de entrega celebrarase o 26 de setembro na International School of Law and Business (Vilna, Lituania) durante a XX Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades. Para propoñer candidaturas deberase completar o formulario oficial, dispoñible na web do Grupo, e envialo á Secretaría da Asociación (Casa da Cuncha, rúa da Conga, 1, 15782 Santiago). Anteriores edicións O Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia recaeu o ano pasado na canle de televisión Euronews como recoñecemento ao seu labor creador e transmisor de información dende un punto de vista europeo. En anos anteriores, outras figuras de prestixio como o Colexio de Europa, a vicepresidenta da Comisión Europea e comisaria da Axenda Dixital, Neelie Kroes, ou o diplomático exipcio e Premio Nobel da Paz, Mohamed ElBaradei, recibiron o galardón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2014.