Ir o contido principal

Ábrese o prazo para solicitar as bolsas de sustentabilidade 2009-10

Por sexto ano consecutivo, a Universidade de Santiago de Compostela convoca as Bolsas de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria para o vindeiro curso académico 2009/2010. Esta iniciativa dirixida aos estudantes da USC está programada conxuntamente polo Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e a Oficina de Desenvolvemento Sostible da Vicerreitoría de Calidade e planificación. O prazo para a recepción de solicitudes remata o 16 de outubro.
O obxectivo principal destas bolsas é a organización nas facultades e escolas da USC de actividades relacionadas co medio ambiente e o desenvolvemento sostible. Ademais, os bolseiros colaborarán activamente na difusión entre todos os membros da comunidade universitaria destas actividades e de accións solidarias emprendidas dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria e a Oficina de Desenvolvemento Sostible.
Durante o pasado curso, ademais de actividades relacionadas co centro (campañas divulgativas a través de mesas informativas nos centros docentes, avaliacións ambientais...) os bolseiros participaron nun programa de educación ambiental sobre a pegada ecolóxica nas universidades, posto en marcha en colaboración con membros da Sociedade Galega de Educación Ambiental e a Federación Ecoloxista Galega. Destacan tamén outras actividades como a participación en cursos de temática ambiental ou a visita á Estación Depuradora de Augas Residuais do concello de Santiago de Compostela.
Os estudantes que desexen solicitar estas bolsas deberán presentar as instancias e a documentación necesaria nalgún dos rexistros xerais da USC dentro dos prazos sinalados na convocatoria. Na web da Oficina de Desenvolvemento Sostible pódese atopar máis información sobre esta convocatoria e sobre os proxectos desenvolvidos nalgunha das edicións anteriores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.09.2009.