Abriu o prazo de matrícula no curso ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas’
A novena edición do curso de formación continua ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas’ pon nesta ocasión a súa atención nas narrativas xuvenís no século XXI, dende a definición, a súa relación co audiovisual e o influxo de internet para a súa lectura. A matrícula permanece aberta ata o 15 de xuño. Impartido fundamentalmente en galego e castelán, con dúas intervencións en portugués e unha en catalán, o curso consta dunha parte virtual (de xullo a setembro) na que se ofrecen estudos teóricos e doutra presencial (do 4 ao 7 setembro) na que interveñen os axentes que participan na comunicación literaria, fundamentalmente escritores, escritoras, editores e investigadores que ofrecen panorámicas sobre o desenvolvemento da literatura xuvenil nos ámbitos lingüísticos que representan. O alumnado terá a oportunidade de conversar con eles e comentar algunhas obras escollidas. O curso ten como finalidade formar o alumnado participante nunha temática xeralmente excluída dos planos de estudo das carreiras universitarias pero dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Tenta analizar esas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Dirixido pola profesora Blanca-Ana Roig Rechou, a parte presencial do curso inclúe diversas conferencias e charlas, un taller de creación literaria, un espectáculo de narración oral e a presentación do libro A narrativa xuvenil a debate (2000-2011).