Ir o contido principal

Abriu a preinscrición do programa Verán CampUSC para rapaces e rapazas de 3 a 13 anos

Verán CampUSC desenvolve este ano o súa sétima edición. Foto: Servimav-USC
Verán CampUSC desenvolve este ano o súa sétima edición. Foto: Servimav-USC

Dirixido a nenos e nenas de 3 a 13 anos, o programa Verán CampUSC 2015 desenvolverase dende o 22 de xuño ata mediados de setembro como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer que permita a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar. A iniciativa tamén está dirixida ao público en xeral. As características da convocatoria deste ano presentáronas en rolda de prensa este martes 21 a adxunta da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, María del Carmen Segura Iglesias, e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida Otero. En Verán CampUSC amosaranse aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes atendendo as súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. Este é un programa que organizan a Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social coa colaboración do Servizo de Deportes da USC, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco. O programa contempla un total de cinco quendas que abarcarán do 22 ao 30 de xuño, do 1 ao 10 de xullo, do 13 ao 24 e do 27 ao 31 do mesmo mes e, finalmente do 1 de setembro ata o inicio do calendario escolar para o curso 2015-2016. Cun total de 70 prazas por quenda, Verán CampUSC desenvolverase nas instalacións deportivas da USC no Campus Vida de Santiago así como en instalacións alleas que se adaptarán ás actividades propostas. A preinscrición xa se pode formalizar ata o próximo 10 de maio cubrindo o cuestionario establecido a tal efecto na web da Fundación USC Deportiva. O 12 de maio, como data límite, publicaranse as listas de admitidos e admitidas en cada quenda na mesma web. Os admitidos e admitidas na preinscrición poderán formalizar a súa praza efectuando o pagamento dende o momento da publicación das listas ata o 24 de maio. A partir desta última data comunicarase a través da web en qué quendas quedan prazas dispoñibles, ás que poderán optar o público xeral cubríndose por rigorosa orde de inscrición. Actividades

Actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos definen o abano de propostas de Verán CampUSC. Concretamente, os rapaces e rapazas realizarán actividades de piscina, deportes de raqueta e de combate, psicomotricidade, deportes colectivos, orientación, acrosport, xogos predeportivos ou xogos populares, entre outros. Dentro das propostas asociadas ao ocio e tempo libre inclúense obradoiros con distintas técnicas e materiais como modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia, así como cancións, xogos cooperativos, visitas a lugares significativos da cidade ou do seu contorno, entre outras propostas.

Carmen Segura Iglesias e Óscar Hermida Otero

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2015.