Ir o contido principal

‘Abuso’, unha exposición que pretende incomodar

A Igrexa da Universidade acolle ata o 31 de outubro unha exposición de 21 pezas da artista Amabel Míguez. Foto: Santi Alvite
A Igrexa da Universidade acolle ata o 31 de outubro unha exposición de 21 pezas da artista Amabel Míguez. Foto: Santi Alvite
A Igrexa da Universidade acolle ata o 31 de outubro unha exposición de 21 pezas da artista Amabel Míguez
Santiago de Compostela

“Agardo que sexa unha exposición incómoda, que a persoa visitante marche da exposición removida por estas imaxes que falan de distintos tipos de abuso, pero sobre todo dos máis próximos a nós”. Así explicaba a artista Amabel Míguez de la Sierra o obxecto da súa exposición ‘Abuso’, que se pode visitar na Igrexa da Universidade ata o 31 de outubro.

A exposición inaugurouse esta mañá nun acto no que a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, salientou os tres roles “que aparecen claramente na montaxe: a seguridade ou inocencia coa que vivimos, o abusador e a persoa cómplice”. Para Murias esta mostra, coa que arranca o período expositivo do Outono Cultural, é “unha aposta moi acaída nestes tempos de abuso”.

A creadora presenta, nesta ocasión, unha obra de 21 pezas en papel, maioritariamente debuxo, en ocasións de gran formato, que lle permite combinar unha técnica tan basal como é o debuxo cun tratamento temático e compositivo orixinal.

"A sociedade actual parece rexerse pola lei do abuso, que se manifesta en situacións de todo tipo que non sempre son entendidas como extralimitación ou exceso”. A reflexión de Amabel Míguez colle forma nesta ocasión nos máis evidentes abusos á infancia, ás veces pouco disimulados nas relacións de poder ou mesmo sexuais, así coma nos sociais que xorden en ocasións aparentemente pouco comprometidas como unha voda. O abuso aí xa non é un protagonismo persoal senón que resulta excesivo no propio tratamento da situación.

“Os excesos celebrativos que hoxe en día padece a sociedade deste tempo resultan completamente abusivos para quen os padece de maneira directa, pero tamén para aqueles que quixeran participar da mesma celebración e quedan excluídos pola súa situación social e económica: un abuso in absentia", explica.

Amabel Míguez, nunha senda ás veces perturbadora, irónica e pouco amable que pode recordar a Paula Rego ou á artista chinesa Yu Hong, pon en evidencia as contradicións sociais que se esconden nun comportamento visto como socialmente correcto e plausible.

A mostra pode visitarse de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

A vicerreitora (á dereita) conversa coa autora. Foto: Santi Alvite
A vicerreitora (á dereita) conversa coa autora. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2025.