Ir o contido principal

A Academia de Farmacia de Galicia inicia o curso de 2015 entregando os seus premios

Un investigador e unha titulada en Farmacia pola USC, recibirán os galardóns o próximo mércores 25

O investigador da USC Daniel Beiroa Tarrío e a licenciada en Farmacia pola USC Tamara Gómez Dacoba recibirán este mércores 25 os premios de investigación da Academia de Farmacia de Galicia no acto académico de apertura do curso 2015, nunha sesión protocolaria ás 19.00 horas na sede do antigo Hospital de San Roque en Santiago. Nicanor Floro de Andrés Rodríguez pronunciará o discurso inaugural sobre ‘Investigación de resultados en saúde en farmacia comunitaria’. No primeiro caso, Daniel Beiroa foi recoñecido co Premio Julián Francisco Suárez Freire dirixido a investigadores menores de 35 anos que teñan publicado un traballo orixinal, realizado nunha institución galega, sobre un tema relacionado co medicamento dende as súas fases iniciais de I+D ata a cadea de distribución. Beiroa Tarrío foi recoñecido por un traballo publicado na revistas internacional Diabetes sobre os efectos en roedores dun fármaco para a diabete tipo 2 que activa a graxa parda e incrementa o gasto enerxético, diminuíndo así o peso sen modificar a inxesta de alimentos. Este galardón conta co patrocinio das cooperativas COFAGA e COFANO. Pola súa banda, Tamara Gómez foi merecedora do Premio Antonio Casares Rodríguez, patrocinado polos colexios oficiais de Farmacéuticos de Galicia, por ter finalizado os seus estudos universitarios co mellor expediente académico no curso 2013-2014. Coa posta en marcha destes premios, a Academia de Farmacia de Galicia que preside dende hai uns meses Manuel Puga Pereira busca abrir un espazo para o recoñecemento do traballo de estudantes e investigadores novos que desenvolven a súa actividade en institucións galegas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2015.