Ir o contido principal

Acción Terra, un proxecto a prol da sustentabilidade ambiental fronte aos perigos da emerxencia climática

Vista aérea da sede universitaria luguesa
Vista aérea da sede universitaria luguesa
Un recital poético e unha acción de recollida de refugallos abren este venres no Campus de Lugo un programa de sensibilización e protección da biodiversidade promovido polo estudantado do Campus Terra xunto coa UNED e Adega que inclúe relatorios, mesas de debate e actividades culturais abertas á cidadanía ata o 29 de abril
Lugo

O proxecto Acción Terra, unha iniciativa estudantil a prol da sustentabilidade ambiental e da protección da biodiversidade promovida desde o Campus Terra da USC en colaboración co centro da UNED de Lugo e a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), e na que tamén participan outros colectivos sociais con inquedanzas medioambientais, converterá desde este venres a sede universitaria luguesa nun espazo de análise e debate sobre os perigos que agocha a situación de emerxencia climática cara a que se encamiña o planeta, ao tempo que permitirá reflexionar e, no seu caso, activar mecanismos para afrontar esta problemática social.

As advertencias incluídas no último informe que vén de publicar o Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático (IPCC), que alerta de que a “emerxencia climática” está a aproximar o planeta Terra a unha “situación de non retorno” de non tomar medidas, foi o acicate definitivo que xermolou o proxecto Acción Terra, segundo comenta o estudante de Veterinaria Óscar Mas Bräutigam, que é o verdadeiro impulsor destas xornadas sobre sustentabilidade medioambiental dirixidas ao estudantado universitario, pero abertas á participación de toda a cidadanía.

Implicado de cheo na loita de salvar o planeta, este ‘activista’ universitario optou por aprazar as súas obrigas académicas para facer coincidir o lanzamento deste ambicioso programa de sensibilización medioambiental coa celebración do Día da Terra, que se conmemora cada 22 de abril, a data na que botará a andar ‘Acción Terra’, unha proposta divulgativa que inclúe diversas actividades ata o 29 de abril.

Un recital poético pola Terra guiado por Claudio Rodríguez  Fer abre este venres, ás 17.00 horas, na explanada de acceso á Facultade de Veterinaria o compendio de actividades programadas ao abeiro de Acción Terra, no marco do que, a partir das 18.15 horas, se desenvolverá unha acción de limpeza e recollida de cabichas na sede universitaria luguesa na que intervirán, ademais de estudantes, integrantes das asociacións Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Adega e mesmo da plataforma cidadá Coidemos Lugo.

Soberanía alimentaria

A soberanía alimentaría, tal e como se denomina o dereito dos pobos a definir a súa política agroalimentaria e a que sexa ecolóxica, social, económica e socialmente axeitada, centrará a temática das actividades programadas o luns 25 de abril, a partir das 18.30 horas, na EPS de Enxeñaría. Esta sesión comezará coa proxección do documental ‘Nun tempo de horta’ e inclúe o comentario da súa directora, Carmen Granxeiro. De seguido, o profesor Emilio Carral Vilariño moderará unha mesa de debate sobre soberanía alimentaria na que intervirán como relatores Marta Pérez Freire, de Bico de Grao; Dora Cabaleiro, de Ribeiregas e Sindicato Labrego Galego, e Grabriel Lopes, da Sociedade Civil de produçom vexetal Lagar d’a Granha.

Acción Terra trasladará a sesión do 26 de abril á sala de xuntas da Facultade de Veterinaria, onde a docente Ana López Beceiro moderará, a partir das 19.30 horas, unha sesión sobre fauna silvestre autóctona na que intervirán como relatores Óscar Rivas, da Fundación Oso Pardo e da Asociación Galega de Custodia do Territorio; a bióloga do grupo de investigación da USC Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol), Catuxa Varela; o biólogo especializado en morcegos, Manuel Arzúa, e a catedrática de Bioloxía e Xeoloxía en ensino secundario Concha López Lamas.

A Facultade de Veterinaria volverá acollerá o mércores 27 un foro sobre gandería sustentable, no marco do que se abordará a necesidade de manter e mellorar a actividade produtiva sen descoidar as condicións de benestar animal e a conservación do medio natural. A profesora e investigadora da USC Ruth Rodríguez Bermúdez guiará este coloquio, no que participarán Genma San Pedro, de Cabuxa Natura, unha gandería ecolóxica e rexenerativa de ovellas e cabras; David Outeiro, que rexenta unha gandería ecolóxica de cachenas na Fonsagrada, e Xosé García Freire, de Casa da Fonte.

As sesións do programa Acción Terra trasladarase o día 28 na sede luguesa da UNED. A temática do programa do xoves, que se desenvolverá de 18.00 a 20.00 horas, afondará sobre a construción de espazos saudables. A sesión comezará cunha actividade de relax imaxinativo guiada por Celsa Sánchez Vázquez. Ao seu remate, a presidenta de Adega-Lugo, Adela Figueroa, conducirá unha dinámica de grupo.

Unha mesa redonda sobre transición enerxética pechará o venres 29, a partir das 17.30 horas, as actividades de Acción Terra programadas na EPS de Enxeñaría. O xornalista Benito García, da Asociación Galicia Ambiental, conducirá un coloquio no que intervirán o biólogo de Adega Tonio Nogueira, especializado na xestión de ecosistemas de emerxencia ambiental; José Antonio Eiras Vila, da cooperativa galega de enerxía verde Nosa Enerxía; Aranza González, voceira da plataforma veciñal Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, e o coordinador da comunidade de montes Tameiga, Gonzalo Pérez Vázquez.

O relatorio ‘Decrescimento e Colpaso’, a cargo do catedrático da UNED, Carlos Taibo, previsto para as 20.00 horas, servirá do colofón do proxecto Acción Terra. Esta sesión desenvolverase de xeito telemático. As persoas interesadas en seguir esta charla teñen que formalizar a súa inscrición a través da sede electrónica da UNED.

Cartaz coa programación de actividades do proxecto Acción Terra
Cartaz coa programación de actividades do proxecto Acción Terra
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2022.