O Acelerador de Transferencia apoiará catro novos proxectos xurdidos nos laboratorios da USC

O Acelerador de Transferencia da Universidade de Santiago apoiará catro novos proxectos vinculados co traballo realizado por outros tantos grupos de investigación da USC para conseguir un impacto directo na sociedade dos resultados obtidos polos laboratorios e centros universitarios. Concretamente, o Acelerador vai respaldar a Affinitier, iniciativa que encabeza Ángel Piñeiro dedicada á validación dun novo software para analizar experimentos relacionados co deseño de novos fármacos e novos materiais a través da constitución dunha nova empresa de base tecnolóxica; o proxecto de Jesús Pérez Camiña arredor dos análogos de Obestatina para rexeneración muscular en casos de atrofia e distrofia musculares e outras enfermidades sen cura; unha nova vacina contra a rabia, en base a unha proba de concepto de nanocapsulas como adxuvante para un antíxeno do virus da rabia, que impulsará o equipo e Mª José Alonso; e o proxecto OPENET4PEOPLE, de Manuel Lama, dedicado ao software para a xestión de campañas de mercadotecnia en dispositivos móbiles. O comité avaliador do Acelerador de Transferencia acaba de tomar a decisión de apoiar estes catro proxectos logo dun proceso de selección de entre un total de 23 proxectos presentados, dos que unicamente seis pasaron á fase final. Conformaron este cadro de expertos o exdirector xeral de Digna Biotech, Pablo Ortiz Betés; o xerente de Desenvolvemento de Negocio de R, Antonio Rodríguez del Corral; a responsable de Organización e Sistemas de Galchimia, Eva Codesido; o consultor de Isis Innovation da Universidade de Oxford, Robin Carter; e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José L. Villaverde Acuña. Baixo a coordinación da Unidade de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, o Acelerador de Transferencia é unha iniciativa que xorde co fin de detectar resultados de investigación con potencial de transferencia, aberto aos grupos de investigación de todas as áreas de coñecemento. É un programa dirixido a avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia ao contorno social e económico seguindo a práctica doutros referentes nacionais e internacionais. Ademais do grao de madurez do proxecto, valoráronse especialmente criterios como o grao de novidade, a importancia da necesidade social que busca satisfacer ou a súa potencialidade comercial e, nos casos nos que este factor é importante, a posibilidade de protexer os resultados obtidos mediante patentes ou mecanismos similares. Segunda edición O Acelerador de Transferencia leva a cabo as accións necesarias para cubrir a fenda entre os resultados do que tipicamente se considera un proxecto de investigación e un coñecemento o suficientemente maduro para que resulte de interese para unha empresa ou outro axente externo, co obxectivo de aumentar as posibilidades de transferencia e polo tanto o seu valor.
Aqueles proxectos que aspiraban a obter o respaldo do Acelerador debían identificar claramente cal é a brecha existente entre o resultado de investigación e o seu mercado potencial, debendo existir un destinatario final ou socio desenvolvedor para o proceso de transferencia co cal (no caso de que o proxecto resulte exitoso) se establecería un acordo de licenza ou se procedería á creación dunha spin-off.