A Aceleradora de economía social ES-Factory USC-Impulsa bota a andar cunha ducia de proxectos
Son doce os proxectos de economía social inscritos na aceleradora ES-Factory USC–Impulsa que, emprazada en Santiago, se dirixe a emprendedores/as e proxectos de economía social en fase de consolidación, así como a empresas baixo outras formas xurídicas propiedade de entidades de economía social ou empresas constituídas baixo outras fórmulas xurídicas que desexen transformarse en empresas de economía social.
Os proxectos de ES-FACTORY teñen a oportunidade de participar nun programa intensivo de catro meses no que, baixo a dirección dun equipo de persoas expertas, se combinan accións de formación, titorización, coaching, mentorización e apoio na obtención de financiamento externo.
Despois de pasar pola Aceleradora, as persoas partícipes adquirirán a formación e os coñecementos necesarios para reducir o tempo de posta en marcha e consolidación dos seus proxectos, aumentando as posibilidades de éxito. Ademais, terán acceso a fontes de financiamento externo para levar adiante ou expandir os seus proxectos ou empresas, e formarán parte de redes de cooperación entre proxectos de diferentes áreas e sectores.
Primeiras xuntanzas de traballo
Ese programa de traballo deu xa comezo hai unhas semanas coa primeira fase do proceso de selección, que incluíu dinámicas para potenciar a creatividade das persoas emprendedoras, mellorar a súa comunicación, as dotes de negociación e o traballo en equipo. Así, as persoas emprendedoras que asistiron á xornada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais puideron traballar en potenciar a capacidade de argumentación e facer unha escoita activa, valorar o traballo en equipo ou incentivar as habilidades na xestión dos conflitos.
O catedrático da USC David Rodeiro Pazos, xunto co investigador principal do proxecto, Adrián Dios Vicente, animaron ás persoas participantes dos diferentes proxectos a coñecer as distintas iniciativas da economía social, co propósito de estreitar vínculos, fomentar o intercambio de coñecementos e facilitar a relación entre a universidade e o emprendemento en economía social coma fonte de riqueza en Galicia.
Na xornada participaron máis dunha decena de proxectos, de diferentes actividades como turismo, consultaría, formación, atención social, produción artística, enerxía renovable, etc. O obxectivo final do traballo nas diferentes dinámicas foi coñecer as persoas integrantes de cada un dos proxectos para adaptar o programa formativo e as diferentes actividades que se realizarán no marco do proxecto as necesidades especificas e comúns de todas as persoas participantes de modo que ES-FACTORY USC Impulsa sexa a ferramenta que buscan os diferentes proxectos para continuar avanzando cara a constitución ou consolidación.
En liña coas actividades previstas, tamén tivo lugar na Facultade a primeira sesión de formación grupal para todos os proxectos na que elaboraron o lenzo canvas de economía social, compartindo coñecementos e reflexións relevantes e analizando as necesidades específicas de cada iniciativa, co obxectivo de transformar as súas ideas en modelos de negocio e avanzar no enfoque da súa proposta de valor.
Un consorcio amplo
O proxecto de cooperación interrexional ES-FACTORY no que se enmarca a aceleradora conta coa participación de diversos socios da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, comprometidos coa promoción da economía social. Entre eles atópanse a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, a USC, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, a Unión de Cooperativas EspazoCoop, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, a Associação Centro de Incubação Base Tecnológica do Minho e a Associação Universidade-Empresa para o Desenvolvimento. Ademais, participa como socio non financiado a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia.
O obxectivo principal deste consorcio é o impulso e a consolidación de emprego de calidade en novas actividades emerxentes no territorio transfronteirizo de Galicia e o Norte de Portugal, que se desenvolverán a través da economía social. O proxecto busca detectar novas oportunidades de negocio que favorezan a retención e atracción de talento emprendedor, promovendo a creación dunha economía social sostible e competitiva.
Rede de Aceleradoras
Un dos principais eixos do proxecto é a creación dunha Rede de Aceleradoras de Economía Social Transfronteiriza, que facilitará accións formativas, programas de asesoramento e acompañamento, ademais de foros de investimento e espazos de encontro e venda nos que as persoas emprendedoras poderán conectar a oferta coa demanda e recibir feedback directo dos seus potenciais clientes.
Ademais, o consorcio promoverá a visibilización da economía social a través do Observatorio da Economía Social de Galicia e o Norte de Portugal, co fin de identificar e promocionar o impacto deste modelo económico no territorio.transfronteirizo.
Esta iniciativa está enmarcada no proxecto de ES_FACTORY cofinanciado por o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027.