Un achegamento á astronomía a través da historia e do papel das mulleres

A Sala Isacc Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria será deica o 31 de xaneiro sede da exposición ‘Con A De Astrónomas’. A mostra, que fai un percorrido polos principais fitos da astrofísica dende o punto de vista da importancia que nesta ciencia tiveron as mulleres ao longo da historia, foi inaugurada este mércores en Lugo.
Contidos A exposición está composta por unha serie de paneis que inclúen feitos determinantes para a astronomía como foi o descubrimento dos púlsares, tamén se pode observar unha mostra da estrutura a grande escala do universo ou a medida das distancias estelares. As explicacións que inclúen estes paneis están organizadas dun xeito divulgativo e sinxelo. A organización desta mostra contou coa participación de nove astrónomas vinculadas a distintos centros de investigación. Entre elas está Josefina Ling, da área de Astronomía e Astrofísica da USC, comisaria da exposición xunto á astrónoma Eulalia Pérez Sedeño. Ling conduciu aos asistentes na visita inaugural á exposición cuxo obxectivo é amosar a astronomía dende unha perspectiva nova, tendo en conta as achegas dalgunhas mulleres que foron astrónomas ilustres. Dos 13 paneis que forman a mostra, nove están dedicados a conceptos astronómicos, dous á contextualización histórica e a divulgar a relación entre a astronomía e a cultura, outro que recompila os nomes de 116 astrónomas españolas de relevancia, e outro que é unha presentación da propia mostra. O acto de apertura desta mostra, promovida dende a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade a través da oficina de cultura do Campus de Lugo, contou coa participación do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor de Extensión Universitaria, Javier Garbayo Montabes e Patricia Fernández de Trocóniz Revuelta, vicedecana de Estudantes e Mobilidade da Facultade de Veterinaria, ademais de Josefina Ling, comisaria da exposición. A primeira das visitas a esta mostra realizárona un grupo de alumnos do colexio Fingoi que se amosaron moi interesados polo mundo da astronomía e polo futuro como investigadores nesta ciencia. A científica Josefina Ling respondeu ás súas dúbidas ao tempo que os guiou pola exposición.