Ir o contido principal

Achegan claves para o éxito das spin-offs de Galicia e Norte de Portugal

O Encontro Transfronteirizo da Eurorrexión terá lugar este xoves 6 no Centro de Estudos Avanzados

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) organiza este xoves 6 coa colaboración de Uninova un encontro transfronteirizo para spin-offs da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Co lema ‘3 claves para o éxito das spin-offs’, a xornada busca o intercambio de experiencias e coñecementos en ámbitos tan fundamentais para este tipo de iniciativas como son a mercadotecnia ou a internacionalización, a tecnoloxía ou a importancia do equipo no desenvolvemento do plan de negocio. O programa desenvolverase no Centro de Estudos Avanzados e comezará ás 9.30 horas cunha sesión inaugural na que participarán o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García; a directora da Área de Crecemento e Valorización da Axencia Galega de Innovación, Pilar Morgade Saavedra; e o director da AVTE, José Luis Villaverde Acuña. As distintas xornadas celebraranse de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas cos relatorios que impartirán o profesor da IE Business School, Enrique Dans; o profesor do IESE, Santiago Álvarez de Mon; ou o presidente e director xeral creativo da Axencia de publicidade BAP & Conde, Miguel Conde. Xunto eles tamén intervirán representantes de Nanogap, Ava Soluciones tecnológicas, Innolact ou Sigma Team Consulting, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2013.