O acordeonista serbio Nikola Tanaskovic abre o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ na Casa do Saber

O acordeonista serbio Nikola Tanaskovic abre este mércores, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ciclo de música de cámara ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un programa deseñado en colaboración coa Asociación de Intérpretes e Executantes, no seu programa de AIEnRUTa-Clásicos,ao abeiro do convenio Lugo Cultural e a través do que se pretende impulsar a novos creadores e intérpretes dentro da música clásica.
Considerado como o acordeonista mozo máis prometedor da escena internacional, Nikola Tanaskovic logra unha carreira internacional inigualable grazas aos máis de corenta galardóns obtidos nos concursos de ámbito internacional e nacional. Este acordeonista comezou a súa formación na Escola de Música Isidor Bajic de Novi Sad (Serbia), da man de Nada Vjestica, para logo ampliar a súa formación académica no no Conservatorio Superior de Música do País Vasco co profesor Iñaki Alberdi.
Clases maxistrais con profesores de recoñecido prestixio de diferentes escolas internacionais, tales como Janne Rattya (Finlandia), Mika Vayrynen (Finlandia), Alexey Artemyev (Rusia), Yuri Shishkin (Rusia), Elsbeth Moser (Alemaña), Tibor Ratz (Eslovaquia) ou Vojin Vasovic (Serbia), complementaron a formación deste novo intérprete balcánico, que xa ten realizado xiras e concertos en Alemaña, China, Hungría, Serbia, Lituania, Polonia, Italia, Eslovaquia, Croacia, República Checa e España. A súa carreira e particular visión da interpretación levárono a colaborar con compositores como Sofia Gubaidulina, Jesús Torres, Ramón Lazkano, Felix Ibarrondo, Israel L. Estelche, Fabià Santcovsky, Svetozar Sasa Kovacevic, Aitor Furundarena e Francisco José Ríos. Nas súas múltiples actuacións, Tanaskovic ten demostrado o seu compromiso coa música actual.
No concerto programado este mércores no auditorio da Casa do Saber de Lugo, unha actuación que se desenvolve baixo o título ‘A música española a través dos séculos (s.XVI s. XIX)’, Nikola Tanaskovic interpretará composicións de Antonio Cabezón, Domenico Scarlatti, Antonio Soler, Enrique Granados, Ernesto Halffter, Luis de Pablo, José María Sánchez Verdú e Israel L. Estelche.