Acordo unánime na USC sobre os criterios conxuntos para os procesos de estabilización extraordinarios do seu persoal

A USC acadou coa representación sindical un acordo unánime sobre os criterios conxuntos dos procesos de estabilización extraordinarios do seu persoal derivados da aplicación da Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. No marco dunha mesa xeral, presidida polo xerente Javier Ferreira, e que contou con representantes sindicais de CCOO, CIG, CSIF, UGT e CIUS, definíronse as bases xerais que rexerán os procesos para Persoal Docente e Investigador (PDI), de Administración e de Servizos (PAS) e Persoal Empregado Investigador (PEI) afectados por esta lei. No caso deste último colectivo, a USC é a primeira universidade galega que avanza na súa estabilización.
Estas bases definidas na xuntanza desenvolvida no Salón Reitoral do Colexio San Xerome, permitirán definir os procesos extraordinarios de concurso público previsto na Lei 20/2021 e que afectan a aproximadamente 200 persoas. A partir deste marco xeral, cada colectivo contará con mesas específicas para adaptar os criterios relativos a cada categoría.