Ir o contido principal

A acreditación do IDIS como Instituto de Investigación Sanitaria colócao entre os centros de maior prestixio investigador de España

A recente acreditación, como Instituto de Investigación Sanitaria, outorgada polo Instituto de Saúde Carlos III ao IDIS é un enorme recoñecemento á investigación en ciencias da vida que se vén desenvolvendo en Galicia, e en particular na USC e no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Así se puxo de manifesto na xuntanza que o Consello Reitor do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) celebrou este martes.
“Máis alá de que sexa o primeiro instituto de investigación sanitaria de Galicia que acada este recoñecemento -subliñou Barro- colócanos entre os centros de maior prestixio investigador de España”. Neste senso, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, engadiu na xuntanza que o de Santiago súmase a outros seis institutos, catro deles emprazados en Cataluña, un en Andalucia e outro en Valencia.
A titular de Sanidade puxo o énfase na importancia da colaboración dos equipos de profesionais clínicos do CHUS e a USC, incidindo así na “potencialidade da investigación biomédica”. Posto en marcha coa colaboración da USC e a Consellaría de Sanidade, o IDIS representa unha suma de esforzos na investigación sanitaria que, á súa vez, pon sobre a mesa “unha tarefa á que estamos dedicando o noso esforzo, buscando os puntos de encontro para seguir sumando tanto na docencia como na investigación”.
Neste mesmo senso, o reitor compostelán considera que a cooperación “consolida un modelo de colaboración de éxito”, lembrando que a USC realiza unha importante achega, tanto en termos de recursos humanos como en captación de recursos económicos.
En termos de colaboración e de investigación sanitaria, este instituto representa un aval para a consolidación dunha alianza estratéxica entre a USC e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), “alianza que resulta clave no desenvolvemento de Campus Vida como Campus de Excelencia Internacional”.
Afondando neste aspecto, o reitor puxo o énfase na oportunidade que Campus Vida representa “en clave de país para atraer docentes, investigadores e empresas e para ser o xerme dun bioclúster sanitario con capacidade para situarse entre os mellores do mundo”. O obxectivo de Campus Vida, engadiu, é estar entre os “100 mellores biocampus do mundo”.
O Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago naceu en 2008 baixo a dirección do profesor Carlos Diéguez. Nel intégranse 44 equipos de investigación que atenden cinco áreas de coñecemento como son enfermidades neurolóxicas, endocrinoloxía, doenzas cardiovasculares e reumatolóxicas e cancro. A estes áreas súmanse outras dúas transversais, unha de epidemioloxía e outra de xenética.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2010.