ACRUGA gaña a décimo primeira edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA) é a gañadora da decimo primeira edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. O xurado do certame, reunido este venres 17 en Lugo, acordou por unanimidade concederlle o galardón a este colectivo pola súa contribución ao desenvolvemento da economía galega. O xurado deste premio que promoven a USC e o grupo lugués Aresa está composto polo reitor da USC, Juan Casares Long; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Murcia, Juan María Vázquez Rojas; e o director xeral de Nanta, Francisco Irazusta Rodríguez, que non puido estar presente na reunión celebrada este venres, emitindo seu voto vía telefónica. Os membros do xurado valoraron, entre outros méritos, o crecemento do número de explotacións adscritas á ACRUGA, cunhas 57.000 cabezas que a converten na segunda raza bovina de carne autóctona de maior censo en España; a aposta do colectivo polo proxecto do Centro de Recría de novillas na Granxa Gayoso Castro a través dun convenio coa Deputación de Lugo; e a posta en marcha xunto con Ternera Gallega da marca ‘Carne de Rubia Galega’. Por outra parte, o xurado tamén destacou o traballo de ACRUGA con distintos centros de investigación, sobre todo á hora de realizar tarefas de selección para a mellora da raza. O xurado considerou que con este premio se recoñece, ademais, o feito de que a asociación contribuíse á difusión desta raza autóctona en España, Europa e diversos países americanos. Ao mesmo tempo salientou a súa contribución ao mantemento da actividade agraria galega ao agrupar a máis de 2.700 explotacións gandeiras. A Asociación de Criadores de Gando Vacún Selecto de raza Rubia Galega ten a súa sede na cidade de Lugo, capital dunha provincia con grande tradición gandeira, e ten como obxectivo a conservación e mellora do patrimonio xenético da Raza Rubia Galega dende a súa fundación en 1969. Nove candidaturas O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, ao que este ano se presentaron un total de nove candidaturas, está dotado con dez mil euros. Recoñece e incentiva o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da economía luguesa, dando prioridade á sutentabilidade dos recursos naturais e ao respecto á natureza. No certame prémianse traballos de investigación, iniciativas emprendedoras ou traxectorias profesionais. Once anos de traxectoria O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000 por iniciativa do presidente da corporación coa intención de favorecer o desenvolvemento e a promoción do medio rural galego. Nesta aventura colleu da man á Universidade de Santiago de Compostela, vinculada ó sector labrego polas múltiples titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura e a gandería que ofrece. Os once anos de traxectoria fan del un certame recoñecido e asentado na sociedade galega e no sector profesional ao que se dirixe, acadando gran importancia pola súa permanencia, polos currículos dos premiados en todas as edicións e pola dotación económica. Gañadores Na primeira edición do certame, o premio recaeu na industria cárnica Novafrigsa; na segunda foi Javier Guitián, profesor da USC, o que viu recoñecido o seu traballo como investigador; o terceiro Premio Aresa destacou o labor desempeñado pola Aula de Produtos Lácteos de Lugo; na cuarta convocatoria foi distinguido o chantadino Xosé Manuel Silva Rodríguez como director xeral de Agricultura na Comisión Europea. O quinto Premio Aresa foi para a IXP Ternera Gallega; a sexta convocatoria do galardón mereceuna o programa televisivo ‘O Agro-Labranza’; o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra foi recoñecido na sétima convocatoria e a Queixería Casa Macán de Taboada acadou o galardón na oitava edición. O noveno premio recaeu no traballo da Facultade de Veterinaria de Lugo; e na pasada edición, na que o premio cumpriu unha década, foi galardoada a empresa luguesa Ingapan.