A actividade itinerante ‘USC Camiña’ viaxará por Galicia para achegar a oferta docente e de servizos da Universidade

A mostra ‘A USC Camiña. Xornadas de Achegamento á USC’, actividade itinerante que a institución compostelá desenvolve polas distintas comarcas de Galicia, chega este luns 19, a partir das 9.30 horas, ao Edificio Multiusos de Monforte de Lemos. Ao longo da xornada, diferentes mesas redondas con profesorado e alumnado da USC servirán de orientación para que o estudantado preuniversitario poida coñecer de primeira man a oferta docente e de servizos da Universidade. Ademais, ás 12.00 horas, desenvolverase o relatorio ‘Probas ABAU e o Acceso á Universidade’, xunto con diferentes espazos expositivo, obradoiros e demostracións que terán lugar ao longo de todo o día.
“Con esta mostra pretendemos que o estudantado de Bacharelato, Ciclos Formativos de FP e Ensino Secundario e a sociedade teñan un mellor coñecemento do que a USC, cos dous campus de Lugo e Compostela, significa para Galicia”, explicou Celso Rodríguez, director do Programa A ponte entre o Ensino Medio e a USC. “Consiste nunha serie de postos informativos sobre as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, pero tamén sobre a investigación e os diferentes servizos relacionados coa vida universitaria”, apunta.
‘USC Camiña’ chegará a Ribeira o vindeiro 24 de xaneiro e ao Barco de Valdeorras, o día 26 dese mes. Está prevista unha vindeira sesión en Vilagarcía de Arousa, en data pendente de confirmar. Os centros interesados en visitar esta actividade itinerante poden solicitalo a través dun formulario electrónico.