Ir o contido principal

A actividade universitaria reducirá ao máximo a mobilidade para frear a COVID-19

As bibliotecas limitirán o seu funcionamento a préstamo e consulta de fondos para actividades de investigación e docencia. FOTO: Santi Alvite
As bibliotecas limitirán o seu funcionamento a préstamo e consulta de fondos para actividades de investigación e docencia. FOTO: Santi Alvite
A instrución da USC publicada este mércores adapta a actividade universitaria ás medidas decretadas pola Xunta e establece que as ensinanzas oficiais correspondentes ao segundo semestre comezarán o luns 8 de febreiro en modalidade non presencial
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de publicar a instrución que establece as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na comunidade galega. Como recolle o documento, malia que as medidas adoptadas ata o momento nas instalacións universitarias permitiron que dende o inicio do estado de alarma se puidese desenvolver a docencia e o traballo de xeito seguro, co paso ao nivel de restricións máximas e a limitación de mobilidade xeral da poboación decretado pola Xunta de Galicia, a nova instrución da USC busca contribuír á limitación da mobilidade neste período crítico tendo en conta que a comunidade universitaria está conformada por arredor de 30.000 persoas con presenza principal en dúas cidades.

Así, seguindo as indicacións do Decreto 8/2021 da Xunta de Galicia, a actividade docente nas ensinanzas oficiais correspondentes ao segundo semestre comezarán o luns 8 de febreiro en modalidade non presencial de acordo co previsto para o escenario 3 das Bases para unha docencia presencial segura durante o período de vixencia desta instrución. A avaliación das materias do primeiro semestre manterase nas datas e modalidades previstas.

Para o persoal docente, investigador e de administración e servizos recoméndase que se limite a mobilidade ao mínimo imprescindible, especialmente se o domicilio de residencia é fóra do municipio onde se atopa o centro de traballo. Nesta liña, todas as reunións de traballo serán telemáticas cando impliquen desprazamentos entre diferentes centros e, manterase este mesma mecánica como preferente mesmo para as de persoal que preste servizos no mesmo edificio.

As cafeterías e comedores universitarios con acceso interior terán a consideración de establecemento de centro de traballo e abrirán de 12.30 a 17.00 horas. Segundo a instrución, prestarán servizo de restauración de xeito exclusivo para o persoal da Universidade e persoal de empresas alleas que presten servizo na USC. O alumnado só poderá realizar recollida no local. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria.

En relación ás actividades deportivas, a nova instrución dispón o peche ao público das instalacións deportivas da USC agás o previsto para a actividade deportiva federada a nivel nacional e suspéndense todas actividades culturais presenciais e pecharanse ao público os museos. Polo que respecta ás bibliotecas, limitarase o seu funcionamento a préstamo e consulta de fondos para actividades de investigación e docencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.01.2021.