Ir o contido principal

Acto académico co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora

Este ano a efeméride coincide co centenario da Real Orde do 8 de marzo de 1910, polo que as mulleres podían estudar libremente nas universidades españolas

O Día Internacional da Muller Traballadora, o vindeiro luns 8 de marzo, coincide este ano co centenario da Real Orde do 8 de marzo de 1910 polo que as mulleres podían estudar libremente nas universidades españolas. A Universidade de Santiago celebra o vindeiro luns ambas as dúas efemérides cun acto protocolario que vai presidir a vicerreitora de Calidade, Dolores Álvarez Pérez, a partir das 17:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
‘100 anos despois: traballando conxuntamente pola igualdade de oportunidades’ é o lema do acto no que tamén estarán presentes o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad; a concelleira de Benestar e Igualdade de Santiago, Mar Martín; e os titulares das secretarías xerais de Universidades e Igualdade da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro e Marta González Vázquez, respectivamente.
Na mesma sesión, procederase á entrega de premios do I Certame de Fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’ ás gañadores do concurso, Lucía Martínez, Pilar Vaamonde e Marta González.
Logo dun concerto de música barroca a cargo do grupo Resonet, interpretando a Barbara Strozzi, celebrarase unha mesa redonda baixo o lema ‘100 anos despois: traballando conxuntamente pola igualdade de oportunidades’. Nela participarán as profesoras Teresa Moure e Josefina Ling, a directora do CIFEX, Rita Radl e o profesor de Socioloxía Jorge García Marín.
A xornada rematará coa inauguración no mesmo Colexio de Fonseca dunha exposición na que se mostran ao público interesado as 25 mellores instantáneas presentadas ao concurso e que posteriormente poderá visitarse en distintos centros de Santiago e de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2010.