Acto académico de graduación da promoción de Medicina 2011-2017
O reitor Juan Viaño presidirá este mércores 26, a partir das 12.00 horas no Palacio de Congresos e Exposición de Galicia, o acto académico de graduación da promoción 2011-2017 de titulados/as en Medicina. Acompañarano na mesa presidencial o vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador, Luis Lima; o decano da Facultade, Juan Gestal; a decana da Facultade de Medicina de Oporto, Mª Amelia Ferreira; a xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Eloína Núñez Masid; e o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán Martínez. Completarán a mesa integrantes do equipo de dirección da Facultade de Medicina e do seu claustro docente.
A proxección dun vídeo conmemorativo elaborado polo alumnado do centro iniciará o programa do acto cuxa primeira intervención será a da madriña desta promoción, a profesora Carmen Vidal Pan, a quen seguirá Alberto Rodríguez López en representación do alumnado que conmemora a súa graduación. O discurso que pronunciará o profesor Juan Gestal como decano do centro precederá á lectura da Declaración de Xenebra por parte de todo o alumnado. Deseguido, o reitor clausurará a sesión.