Acto de entrega dos cinco e-books sorteados entre os universitarios que participaron na campaña 'Fai que a túa opinión conte!'
As estudantes Olalla Calvo Míguez e Paula Vázquez Ramos, e Manuel Pereiro López, Mª del Carmen Rodríguez Pérez e Mª Dolores Cadabal Sampedro, do Persoal Docente e Investigador, son os cinco universitarios que este martes 7 recibirán os seus respectivos e-books sorteados entre as persoas que participaron na campaña ‘Fai que a túa opinión conte!’, para coñecer o grao de satisfacción cos servizos da biblioteca universitaria.
A entrega dos premios celebrarase nun acto no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome a partir das 11:00 horas no que estarán presentes a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso; a directora da Biblioteca Universitaria, Mª Isabel Casal; e a xefa de área de Calidade e Mellora de Procedementos, Fara Calvo.
O sorteo celebrouse o pasado mes de maio e nel entraron todos os universitarios que cumprimentaron unha enquisa que pretendía coñecer a utilización que os usuarios da Biblioteca fan das súas ferramentas dixitais, co obxecto e mellorar o servizo prestado.