Acto homenaxe en memoria do profesor Francisco Javier Río Barja
O reitor Juan Casares participa este xoves 24 no Consello da Cultura Galega no acto homenaxe ao que fora profesor da institución académica Francisco Río Barja. A xornada comezará ás 19:00 horas coa intervención do vicepresidente do Consello e profesor da USC Francisco Díaz-Fierros que dará paso na quenda de palabras ao catedrático de Xeografía da USC Augusto Pérez Alberti e ao membro do Consello da Cultura Galega Salvador García-Bodaño. Logo dun recital de piano interpretando diversas pezas de Debussy e Xan Durán, tomarán a palabra o director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara; o vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ríos; o presidente da Real Academia Galega, Xosé L. Méndez Ferrín; o reitor da USC, Juan J. Casares; e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. Falecido recentemente, Francisco Javier Río Barja foi xeógrafo, intelectual e docente da institución académica compostelá. Nacido en Lugo pero asentado en Compostela, foi merecedor de numerosos recoñecementos á súa traxectoria, como o Premio Galicia de Investigación, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo ou o premio Valle-Inclán e Alfredo Brañas do Centro Galego de Bos Aires. Integrante da Real Academia Galega, da Academia de Ciencias e do Consello da Cultura Galega, foi tamén director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Discípulo de Ramón Otero Pedrayo, entre as súas contribucións destacan o seu traballo a prol do desenvolvemento dos estudos e investigacións en todo o relacionado coa Xeografía e, de xeito particular e pioneiro, no ámbito da Xeografía Económica.