Acto de imposición de becas no Colexio Maior San Clemente
O Salón de Actos do Colexio Maior San Clemente acolle este mércores 28, ás 21:00 horas, o acto de imposición de becas no que, como cada curso académico dende hai décadas, os colexiais do terceiro ano -que constitúen A Promoción- recibirán do centro a Beca Oficial do Colexio Maior.
Estas becas serán impostas polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán Santos; a directora do Colexio, Sandra Fernández Prado; o director do Colexio Maior Fonseca, Vicente Sanjurjo; o director da Residencia Universitaria Monte da Condesa. Miguel Abel; e o que foi director do Rodríguez Cadarso, Jesús Lamas Alvariño.
No acto, as persoas que rematan a súa traxectoria académica no centro recibirán a insignia de ouro mentres que os estudantes de Intercambio Internacional recollerán o seu correspondente Diploma de Distinción Colexial pola súa contribución á vida colexial no San Clemente.
Na cerimonia entregarase ademais a Beca de Honra a unha das traballadoras da Portería do centro, Josefina Lodeiro -‘Pepita’-, que se xubila este ano. Tamén a traballadora Amalia Fabeiro deixa este centro tras oito anos para incorporarse á súa praza de traballo definitiva.
Avelino PousaNa imposición de becas agárdase contar coa presenza de Avelino Pousa Antelo, nomeado Personaxe Galego da Asociación do CM San Clemente para este curso 2009-2010, así como doutros relatores que achegaron o seu saber en cada una das actividades organizadas pola agrupación estudantil: Paula Pita, Luis Celeiro, Gonzalo Álvarez, Carmen Morán, María Montaña e membros da Asociación Cultural para o desenvolvemento sen fronteiras, entre outros. Tamén será significativa a asistencia dun antigo colexial, Manuel Rial López, que viviu no Colexio Maior no ano 68.