Ir o contido principal

Acto institucional conmemorativo do Día Internacional das Mulleres na USC

A USC organiza este venres 7 o acto institucional conmemorativo do Día Internacional das Mulleres na USC que se celebrará no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 17.30 horas. Intervirán o reitor Juan Casares; a secretaría xeral de Igualdade, Susana López Abella; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva Aguayo. Na sesión recoñecerase o labor que desenvolve a Escola Infantil Breogán da USC pola súa traxectoria en prol da igualdade, erixíndose nun servizo fundamental nas políticas activas de conciliación da vida laboral e persoal da comunidade universitaria compostelá. Así, o reitor entregaralle unha placa con Mención Honorífica que recollerá a educadora Olga González Fontán, a cociñeira Dolores Valiñas López e Raquel Martínez Quiles, do departamento de administracións, todas elas da Escola. A continuación tomará a palabra a directora deste centro Cristrina Abeal Pereira. No transcurso da sesión darase tamén lectura ao manifesto promovido pola Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) que forman 42 universidades públicas españolas. O texto, no marco da conmemoración do día 8 de marzo, vén reivindicar a necesidade de seguir apostando polas políticas de igualdade como elementos esenciais na axenda das universidades e do resto de institucións públicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2014.