O acto de recepción aos participantes no Programa de Acompañamento de Estudantes será este luns en Económicas
A USC comeza a vindeira semana co Programa de Acompañamento de Estudantes polo cal universitarios voluntarios farán de padriños dos alumnos foráneos orientándoos na Universidade e na cidade. Son 220 os mozos matriculados na USC que se mostraron dispostos a ensinarlle a institución académica aos máis de douscentos estudantes de todas as partes do mundo que xa chegaron a Santiago.
Todos eles daranse cita este luns, día 24, ás 12:00 horas na Facultade de Económicas de Santiago nun acto de benvida que estará presidido polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández. A esta presentación asistirán ademais a directora xeral de Política Lingüística, Marisol López; o director xeral de Xuventude e de Solidariedade, Rubén Cela; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, responsables das institucións que colaboran na organización desta iniciativa.
O programa, que se desenvolverá durante a última semana de setembro e a primeira de outubro, prevé diversas actividades en grupo como visitas guiadas aos dous campus universitarios de Santiago, ao Parlamento Galego, ao patrimonio histórico da USC ou un roteiro histórico pola zona vella de Santiago.