Ir o contido principal

Acto de recoñecemento a mentores e empresas participantes no proxecto ‘Mentoring. USC Desenvolvemento Profesional’

A Universidade de Santiago celebra este mércores, 1 de xuño, un acto en recoñecemento ás empresas e mentores que participaron na primeira edición do programa Mentoring dirixido a facilitar o contacto entre o alumnado de último curso con directivos e profesionais para que estes lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional.

Nesta primeira ocasión participaron preto dun cento de estudantes e outros tantos profesionais, que no acto deste mércores ás 13.00 horas no Hostal dos Reis Católicos recibirán un diploma que acredita a súa colaboración no proxecto nestes últimos catro meses, nos que tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento dunha empresa e establecer contactos con diferentes profesionais do seu sector, que poden resultar decisivos no futuro.

O programa Mentoring USC, impulsado e promovido dende a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social a través da área de orientación laboral, ten como finalidade crear un espazo propio para conectar e acompañar aos estudantes no seu proceso de achegamento ao mercado laboral, permitindo un papel máis eficiente na busca de emprego.

O acto de clausura presidirao o reitor Juan Viaño, e nel participarán ademais a vicerreitora de Estudantes, Dolores Álvarez; o secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois; a alumna Andrea Campañó e a mentora María Caeiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2016.