ACTUALIZACIÓN: reinicio da actividade na USC

ACTUALIZACIÓN (29 de abril, 11:56)
Esta mañá comunicouse á comunidade universitaria que ante a recuperación da subministración eléctrica se retomaría a actividade docente a partir das 15:00 horas do día de hoxe. Non obstante, tendo en conta que aínda persisten algúns problemas tanto co transporte público como co subministro eléctrico e as comunicacións, en aplicación do establecido nos artigos 3 e 5 do Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, as faltas de asistencia ás actividades de docencia e probas de avaliación programadas para esta tarde, deben ser consideradas como causa de forza maior e, polo tanto, debe entenderse xustificada a non asistencia a elas.
INFORMACIÓN (29 de abril, 8:57)
Ante a recuperación da subministración eléctrica nas cidades de Santiago de Compostela e Lugo, así como nunha gran porcentaxe do territorio galego, tómanse as seguintes decisións:
- Mantense suspendida a actividade docente ata as 15h co obxectivo de analizar as incidencias de acceso aos sistemas nas aulas. A partir dese momento a actividade docente desenvolverase ordinariamente.
- O resto da actividade, incluída a das bibliotecas, recupera a normalidade ao longo desta mañá.
- Todo o persoal da USC deberá incorporarse ao longo da mañá ao seu posto de traballo. Unha vez incorporado, en caso de constatarse danos ou incidencias derivadas do corte do subministro, procederase a enviar unha mensaxe a xerente [at] usc.gal (xerente[at]usc[dot]gal)
Dende o comité de crise agradecemos a colaboración de toda a comunidade universitaria, responsabilidade coa que se ten actuado nestes momentos de incerteza, así como a comprensión coas incidencias que se poidan ter producido.
INFORMACIÓN (28 de abril, 20:01)
Logo da evolución da situación xerada nas últimas horas polo apagón enerxético, e ante a imposibilidade de asegurar un correcto funcionamento dos sistemas, USC manterá suspendida a súa actividade mañá, martes 29 de abril, ata as 15.00 horas. Durante a mañá analizarase a situación en todas as instalacións e determinarase a recuperación ou non da actividade durante a tarde, información que será enviada a través das canles oficiais que funcionen correctamente en cada momento.
INFORMACIÓN INICIAL (28 de abril, 15:07)
Ante a situación derivada do corte enerxético que está afectando a diversos estados, a USC pecha os edificios docentes, administrativos e de investigación, e suspende a súa actividade ata novo aviso. O sistema universitario de residencias manterá a súa actividade dentro da normalidade que permita a situación.
O comité de crise mantense reunido á espera de contar con información oficial que poder trasladar. No momento no que se restableza o suministro eléctrico comunicarase a reanudación da actividade.