Ir o contido principal

Acuña Castroviejo explica en Santiago cómo o adestramento do cerebro desde idades temperás axuda a ser máis creativos

Carlos Acuña Castroviejo
Carlos Acuña Castroviejo

No marco da Semana Mundial da Creatividade e a Innovación que xurdiu en Canadá en 2001, o neurocientífico e catedrático emérito da USC Carlos Acuña Castroviejo impartirá este xoves 21 en Santiago a conferencia ‘A mellor versión da túa creatividade está no teu cerebro’. Será ás 18.00 horas no Centro de Innovación Cultural CINC da Cidade da Cultura (Monte Gaiás) con entrada libre ata completar o aforo.

Acuña será quen inaugure este xoves co seu relatorio a celebración desta iniciativa na que se presentarán claves e códigos dirixidas fundamentalmente a quen trata coas novas xeracións, como docentes e escolas, ademais de a toda aquela persoa interesada en promover a ensinanza creativa a partir dos 7 anos de idade.

Como contará Acuña, as condutas creativas son moi complexas. “Implican desde un profundo coñecemento e dominio de habilidades específicas ata estilos de pensamento de dominio xeral, incluíndo impulsos afectivos e emocionais, pero tamén conexións neuronais claves no cerebro”. Así, o catedrático emérito da USC explicará de qué maneira se organiza o cerebro durante o proceso creativo e cómo este utiliza pautas necesarias para a conduta creativa.

Todo pasa pola neurociencia, que proporciona as claves necesarias para poder aprender a ser creativos: a estimular as conexións daqueles que de maneira xenética están predispostos á creatividade, pero tamén a exercitala optimamente máis alá do que a natureza predispuxese para un. Para Acuña, é importante comezar a idades temperás a dar e compartir información para alimentar o cerebro. “Ese é un proceso –apunta– que require un gran traballo para este órgano, para o que hai que adestralo, especialmente rodeándonos desde pequenos de ambientes panorámicos, libres de prexuízos e eye/mind-catching cos que interaccionemos”. “Canto maior adestramento, canta maior activación dunha ampla rede cerebral, máis creativividade; e canta máis creatividade, maior será a transferencia de información pola rede cerebral”, sentencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2016.