Ir o contido principal

ADOS distingue a implicación da USC no labor de sensibilización social a prol da doazón de sangue

Marisa López García e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
Marisa López García e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
A comunidade universitaria ten realizado, entre Compostela e Lugo, un total de 82.526 doazóns de sangue
Lugo, Santiago de Compostela

A USC e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) manteñen unha longa traxectoria de colaboración. En concreto, a institución compostelá, cun total de 82.526 doazóns de sangue, foi a de maior participación no marco das campañas que a Axencia desenvolve de xeito conxunto coas universidades públicas galegas. Este dato deuse a coñecer no acto conmemorativo do Día Mundial do Doante de Sangue 2023 que se celebrou este mércores 14 no Edificio Fontán da Cidade da Cultura e, no marco do cal, a Axencia quixo agasallar a colaboración de USC, UDC e UVigo.

O reitor da USC, Antonio López; o da UVigo, Manuel Reigosa; e o da UDC, Julio Abalde, foron os encargados de recoller a distinción que acredita a cooperación da comunidade universitaria galega en materia de doazón de sangue. No caso da USC, os centros que rexistraron unha maior participación foron a Facultade de Medicina e Odontoloxía, en Santiago, con 7.581 doazóns e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, en Lugo, con 6.317. 

O acto contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e da directora de ADOS, Marisa López García. Deste xeito, un ano máis, celébrase esta entrega de galardóns tanto a particulares, como a colectivos, que se teñen distinguido pola súa especial implicación no labor de sensibilización social a prol da doazón de sangue. Ademais, esta xornada de conmemoración tamén permite celebrar o 30º aniversario da creación do Centro de Transfusión de Galicia, hoxe integrado en ADOS.

A través deste recoñecemento, ADOS amosa o seu agradecemento aos responsables académicos, profesorado, alumnado e persoal que traballa nas tres universidades galegas, polo seu esforzo e implicación coas campañas de doazón de sangue impulsadas nos sete campus de Galicia. 

A Axencia considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de datos de doantes de sangue en Galicia, co obxectivo de poder facer fronte aos requirimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na comunidade. Desta maneira, USC e ADOS establecen, de forma conxunta, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea dende a comunidade universitaria.
 

No acto participaron os tres reitores do SUG. FOTO: Santi Alvite
No acto participaron os tres reitores do SUG. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2023.