Advirten de que moitas familias galegas con nenos que teñen necesidades educativas especiais están desatendidas
Profesionais participantes no Máster de Intervención nos Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá organizado polo Departamento de Psicoloxía Evolutiva da USC veñen de elaborar un manifesto no que advirten da necesidade de que Galicia se dote dun maior número de profesores capaces de atender os nenos que teñen necesidades educativas especiais.
Estes profesionais –especializados nos campos da psicoloxía, pedagoxía, logopedia, terapia ocupacional, educación infantil, entre outros- denuncian que a día de hoxe os colexios galegos aínda carecen de profesionais suficientes para atender estas necesidades e moitos dos que hai “non teñen a formación adecuada”.
Por iso falan da “necesidade” de que dende a Consellaría de Educación se programen máis cursos específicos regulados dentro do sistema educativo e “que se faga un sistema de selección de profesionais adecuado nas oposicións”.
Número “despropocionado”No seu manifesto, os expertos engaden que os recursos nos colexios son, en moitos casos, “os mesmos”, independentemente de que haxa ou non alumnos con dificultades na clase. Ademais, existe “un número desproporcionado de nenos por aula” e cando hai un neno con discapacidade na clase “aínda que ten dereito a que haxa un alumno menos nesa aula, normalmente é algo que non se ten en conta”.
Pero ademais queren facer unha chamada de atención ao sistema sanitario galego denunciando que aínda son moitos os profesionais sanitarios que non se implican o suficiente e non informan dos pasos a seguir ás familias que teñen nenos con algunha necesidade educativa especial que, en moitos casos, se senten desatendidas.