AGaDIR entregará o seu premio á docencia e investigación no IV Congreso Internacional de Atención Temperá e Educación Familiar
A Asociación Galega para a Docencia e Investigación sobre o Retraso Mental (A.Ga.D.I.R.) entregará o seu tradicional premio á docencia e investigación no transcurso do IV Congreso Internacional de Atención Temperá e Educación Familiar que se celebrará en Santiago de Compostela en setembro de 2015 organizado en colaboración coa Unidade de Atención Temperá da USC e o Grupo de investigación ESCULCA-Cultura. No congreso daranse cita prestixiosos investigadores de todo o mundo do campo da atención temperá e a intervención dos trastornos no desenvolvemento e da educación en contextos familiares. Entre outros temas, abordaranse asuntos como a importancia da familia como eixe da atención temperá así como o impacto que teñen na unidade familiar as síndromes minoritarias e as enfermidades raras. Tamén se debaterá sobre a forza que ten a familia nunha educación para o éxito e falarase da importancia do desenvolvemento da intelixencia emocional na familia. Afondarase ademais na educación familiar e a prevención do consumo de droga, a violencia fío-parenteral como ameaza para a familia ou a influencia da crise na infancia, analizando as novas situacións de risco. Tamén se impartirán conferencias centradas na discapacidade e realizarase unha análise sobre as novas perspectivas no estudo do autismo. Do mesmo modo, a comisión organizadora do congreso traballa xa no deseño e organización de talleres que se levarán a cabo de xeito paralelo aos simposios nos que incidirá na importancia de saber dicir que non como ferramenta esencial na educación infantil ou as tecnoloxías no fogar e a seguridade en Internet.