Ir o contido principal

O AHUS aborda a memoria epidémica de Galicia entre os séculos XVI e XX a través dunha mostra virtual

Mediante esta mostra, preténdese poñer de manifesto o papel dos arquivos no 'Empoderamento das Sociedades do Coñecemento'. FOTO: Santi Alvite
Mediante esta mostra, preténdese poñer de manifesto o papel dos arquivos no 'Empoderamento das Sociedades do Coñecemento'. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa bota a andar co gallo do Día Internacional dos Arquivos baixo o lema 'Empoderamento das Sociedades do Coñecemento'
Santiago de Compostela

O Arquivo Histórico Universitario de Santiago (AHUS) acaba de elaborar unha exposición virtual sobre a memoria epidémica en Galicia dos séculos XVI ao XX. O AHUS celebra o Día Internacional dos Arquivos que se conmemora este martes 9 de xuño, a través dunha selección de 50 documentos de tipoloxía moi variada pertencentes a varios dos fondos documentais que custodia.

Mediante esta mostra, preténdese poñer de manifesto o papel dos arquivos no 'Empoderamento das Sociedades do Coñecemento', lema elixido polo International Council on Archives (ICA) para as actividades realizadas esta semana en desenvolvemento desta efeméride internacional.

Asemade, coa exposición virtual destes testemuños escritos verbo das consecuencias dos distintos brotes epidémicos que tantos estragos causaron na contorna máis inmediata, e das medidas hixiénicas  e de prevención que adoptaron as autoridades da época, o AHUS pretende amosar a sorprendente concomitancia "coa triste realidade que nos está tocando vivir como sociedade e que parece dar por bo o estereotipado carácter cíclico da Historia”, tal e como explica a directora do Arquivo, Désirée Domínguez Pallas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2020.