Ir o contido principal

Aínda é posible participar na primeira edición do certame de vídeos ‘Vémolo Nós’

Pódese participar tanto de maneira individual coma en grupo. FOTO: Santi Alvite
Pódese participar tanto de maneira individual coma en grupo. FOTO: Santi Alvite
As persoas pertencentes á comunidade universitaria interesadas en participar poderán facelo ata o 17 de maio nalgunha das tres categorías das que consta o concurso, dotada cada unha delas cun premio de 1.500 euros
Lugo, Santiago de Compostela

A primeira edición do concurso de vídeos ‘Vémolo Nós’ pretende promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica e que acaben por constituír un compendio de materiais audiovisuais útiles para a docencia no ámbito universitario. Ata o vindeiro 17 de maio, as persoas interesadas en participar neste certame, aberto ao conxunto da comunidade universitaria deste curso 2022-2023, poden presentar a súa solicitude a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC mediante o procedemento ‘solicitude xenérica’ e de acordo  cos requirimentos establecidos na convocatoria.

Facer que a comunidade universitaria teña como referentes produtos audiovisuais de calidade á súa disposición que sirvan de modelo para a creación deste tipo de materiais; coñecer a historia da USC a través das figuras e dos fitos que deixaron pegada na súa traxectoria; e, por último, conseguir que se amose a utilidade do galego na futura vida laboral dos universitarios e universitarias son outras das metas que o Servizo de Normalización Lingüística da USC persegue con esta iniciativa.

Tres categorías

O certame outorgará tres galardóns correspondentes ás categorías de ‘Divulgación de Coñecemento’, ‘Descubrindo a USC’ e  ‘A utilidade do galego’, dotados cada un deles con 1.500 euros. Na primeira das modalidades, os vídeos deben achegar explicacións, aproximacións ou referencias a un asunto científico ou académico de maneira que poida ser accesible de forma clara. En ‘Descubrindo a USC’ teñen cabida aqueles traballos que se acheguen á USC e á súa historia. Finalmente, en ‘A utilidade do galego’ valoraranse aquelas pezas audiovisuais que mostren a utilidade do idioma galego no futuro profesional.

Cada vídeo presentado deberá utilizar a lingua galega e poderá estar subtitulado a outros idiomas. Pódese participar tanto de maneira individual coma en grupo e os traballos presentados deben ser inéditos e orixinais. O vídeo terá unha duración de menos de cinco minutos en formato de 16:9.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2023.