Ir o contido principal

Aínda quedan prazas dispoñibles para a terceira quenda do Verán campUSC 2020 que bota a andar o 13 de xullo

Cartel do Verán CampUSC 2020
Cartel do Verán CampUSC 2020
Nesta edición estase a facer especial fincapé en tarefas orientadas a crear hábitos de hixiene relativos á COVID-19
Santiago de Compostela

A terceira quenda do Verán campUSC 2020 bota a andar o vindeiro luns 13 de xullo baixo estritas medidas de seguridade. “A verdade é que dende a Fundación USC estamos moi contentos coa resposta que está a ter a actividade, xa que este ano había moita incerteza”, explican dende a organización do campus. “Na primeira quenda tivemos 62 rapaces e rapazas inscritos e, agora mesmo, hai 107. Para a terceira, hai xa 84, polo que aínda quedan prazas libres, igual que para a cuarta e quinta quenda”, continúan. A inscrición para a terceira quenda pode formalizarse nesta ligazón ata o xoves. 

As bases da edición deste ano conteñen un plan de adecuación que contempla, entre outras medidas, o subministro de xabón e xel sanitizante aos participantes, así como que os rapaces e rapazas maiores de 6 anos leven a súa propia máscara facial. A esta quenda sumaránselle outras dúas que se desenvolverán do 27 ao 31 de xullo de 2020 e do 1 ao 9 de setembro de 2020.

A programación do Verán CampUSC 2020 contempla un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. “É importante destacar que todas as sesións do Verán CampUSC teñen como obxectivo ofertar unha amplia variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, lles permita practicar deporte de forma autónoma, duradeira e placenteira”, explican dende a organización. Nesta edición farase especial fincapé en tarefas orientadas a crear hábitos de hixiene relativos á COVID-19.

Medidas de precaución

Recoméndase, asemade, que os menores de 6 anos tamén leven máscara facial. Ao alumnado, asígnaselle un monitor ou monitora responsable por grupo que vela polo respecto das medidas de distanciamento interpersoal e evitará aglomeracións. Aqueles participantes ou as súas familias que incumpran as normas establecidas relativas ás medidas de protección ante a COVID-19, serán expulsados da actividade.

O Verán CampUSC 2020 está dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos. Priorizaranse, sempre que sexa posible, as actividades ao aire libre. De non ser posible, cada grupo contará cunha sala ou instalación propia. En todo caso, os espazos pechados que se utilicen serán amplos e estarán ben ventilados. Este campus de verán está estruturado en cinco quendas dotadas con 120 prazas cada unha. O programa desenvólvese de luns a venres, agás festivos, de 08.45 a 14.45 horas, polo que a responsabilidade do control e coidado dos participantes polos monitores e monitoras responsables comprenderá esa franxa horaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2020.