Ir o contido principal

O Akademia Project amplía o prazo de inscrición ata o día 17

A inscrición poderá realizarse ata o luns 17
A inscrición poderá realizarse ata o luns 17

Akademia Project acaba de ampliar o prazo de inscrición ata o próximo luns 17 de outubro, trámite que se poderá formalizar enviando un currículo a a youakademiausc [at] gmail.com (youakademiausc[at]gmail[dot]com). O 94% do alumnado que participou en Akademia Project en anteriores edicións recomendan a realización deste curso que busca estimular a actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes das principais universidades españolas. Impulsado pola USC e a Fundación Bankinter, as persoas que o cursen terán a oportunidade de vivir o proceso completo de innovación, desenvolvendo un proxecto emprendedor coa axuda de emprendedores e business angels.

O curso desenvólvese en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio de Uninova. Trátase dunha aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor. Este programa naceu hai xa oito anos e os máis de mil estudantes que o teñen cursado en distintas universidades españolas o avalan.

A partir dun material único xerado no mellor Think Tank de Ciencia e Tecnoloxía de España, analizaranse as tendencias clave de innovación. A aprendizaxe levarase a cabo dun xeito colaborativo da man de profesionais expertos, emprendedores e business angels e, ao finalizar, os alumnos poderán ter acceso a prácticas nacionais e internacionais.

Está dirixido a estudantes de grao e posgrao de calquera titulación universitaria que participarán en doce sesións ao longo de todo o ano e que rematarán coa presentación do proxecto emprendedor ante un xurado formado por especialistas, emprendedores e potenciais inversores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.10.2016.