Ir o contido principal

Alberto Cabada, elixido novo decano de Matemáticas

Alberto Cabada é catedrático de Análise Matemática. FOTO: Santi Alvite
Alberto Cabada é catedrático de Análise Matemática. FOTO: Santi Alvite
O catedrático de Análise Matemática da USC enfronta os vindeiros seis anos coa intención de consolidar o centro como unha Facultade “sólida, innovadora e aberta ao mundo”
Santiago de Compostela

O catedrático de Análise Matemática da USC, Alberto Cabada, será o vindeiro decano da Facultade de Matemáticas logo das eleccións que se desenvolveron no centro este mércores 30 e nas que obtivo 66 votos a favor e 7 en branco. Nos vindeiros seis anos, o profesor Cabada aspira a consolidar Matemáticas como unha Facultade “innovadora e aberta ao mundo”.

O profesor quere centrar o seu mandato en ofrecer unha formación de máxima calidade ao estudantado, “adaptada ás novas esixencias sociais e profesionais, que o prepare para afrontar con éxito os retos do futuro”. Deste xeito, seguirase contando “cunha alta demanda de acceso e unha sólida inserción laboral do estudantado egresado”, explicou.

Apostar decididamente polos dobres graos en Matemáticas con Física e con Enxeñaría Informática será outro dos horizontes de cara aos vindeiros seis anos, así como fomentar “unha colaboración estreita coa actividade investigadora e de transferencia do profesorado da Facultade, facilitando todos os medios ao noso alcance para apoiar o seu labor”.

Reforzar os vínculos co Ensino Medio mediante a participación e organización de programas de divulgación, co obxectivo de “transmitir ao estudantado de bacharelato a importancia e a beleza das matemáticas, facendo especial fincapé en que esta mensaxe chegue ao estudantado feminino”, será outra das metas a trazar nesta nova etapa na que Cabada sucede á, ata o de agora decana, Elena Vázquez Cendón.

Traxectoria

Catedrático de Análise Matemática na USC dende 2010, o profesor Cabada é membro do departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización e investigador asociado ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). As súas investigacións están fundamentalmente centradas no estudo da existencia de solucións de Ecuacións Diferenciais Ordinarias, con especial fincapé no estudo das propiedades das denominadas funcións de Green.

Nesas liñas de traballo é co-autor dunhas 190 publicacións recollidas no JCR e de tres monografías. Dirixiu sete teses de doutoramento e colabora en consellos editoriais de varias revistas indexadas no JCR.  Anteriormente ocupou os cargos académicos de secretario da Facultade de Matemáticas, director do departamento de Análise Matemática e director do Instituto de Matemáticas da USC.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2025.