Ir o contido principal

Alexandre Veiga, doutor honoris causa pola Nova Universidade de Bulgaria

Alexandre Veiga é decano da Facultade de Humanidades dende hai algo máis de cinco anos
Alexandre Veiga é decano da Facultade de Humanidades dende hai algo máis de cinco anos
O decano da Facultade de Humanidades de Lugo recibe a distinción polos seus estudos de morfosintaxe verbal do español e o apoio ao centro búlgaro

A Nova Universidade Búlgara (Nov Bulgarski Universitet-NBU) de Sofía decidiu recoñecer co doutoramento honoris causa ao decano da Facultade de Humanidades de Lugo, Alexandre Veiga. A decisión foi tomada unanimemente durante o verán polo consello académico do centro de ensino e comunicado oficialmente polo reitor da mesma, Sergei Ignátov, durante a xornada de onte.
A proposta de concesión deste doutoramento Honoris Causa partiu do Departamento de Lingüística Aplicada da NBU e fundamentouse no labor investigador realizado por Alexandre Veiga en materia de morfosintaxe verbal do español e na intensa colaboración realizada entre as dúas universidades nos últimos anos.
De feito, Alexandre Veiga realizou en varias ocasións doazóns de libros para ese Departamento, en especial de obras de literatura española e foi convidado nunha ocasión como conferenciante pola doutora María Kítova-Vasíleva, a máis importante hispanista búlgara da actualidade, quen tamén participou na Facultade luguesa como conferenciante invitada.
O decano da Facultade de Humanidades aproveitou a súa última estadía en Sofía para acordar o establecemento dun convenio entre esa universidade e o Campus de Lugo para intercambio de estudantes e profesorado, convenio que está previsto que comece a funcionar no segundo cuadrimestre do vindeiro curso académico 2008-09.
CurrículoAlexandre Veiga Rodríguez é decano da Facultade de Humanidades de Lugo dende hai cinco anos. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela en 1980, doutorouse no mesmo centro en 1987 coa tese ‘Valores das formas verbais en castelán’.
En 1994 traslada a súa actividade docente de Santiago a Lugo. Na Facultade luguesa funda en 1995 a revista ‘Moenia. Revista Lucense de Lingüística e Literatura’, que co-dirixe con Claudio Rodríguez Fer (edita a Universidad de Santiago de Compostela). Na actualidade é catedrático de lingua española na Facultade de Humanidades de Lugo. Os seus ámbitos investigadores principais son a fonoloxía e a morfosintaxe verbal, con especial atención ás linguas española e galega, tanto na súa dimensión sincrónica como na diacrónica. Traballa tamén no estudo e reconstrucción de textos casteláns medievais.
Tamén foi o organizador principal do congreso internacional de lingüística ‘Léxico e Gramática’ (Lugo, 2000) e organizador de simposios, seminarios e ciclos de conferencias na Facultade de Humanidades de Lugo. Así mesmo, é conferenciante e profesor invitado en diversas universidades españolas e estranxeiras, e compositor de algunhas obras para guitarra española.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2008.