Os alimentos, a debate nunha nova sesión dos ‘Encontros de Xoves de Lúa Chea’ na Escola Politécnica Superior

Os Encontros de Xoves de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego celebra este xoves 21 de abril un novo coloquio na cafetería da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, onde, baixo o título ‘ Sabemos o que comemos?’, se abrirá un debate aberto sobre os alimentos e as dietas que seguimos.
A catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero e o profesor de Economía Agraria na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Francisco Sineiro serán os encargados de abrir este coloquio con cadansúa intervención introdutoria na que exporán os seus respectivos puntos de vista.
Esta nova sesión do ciclo ‘Encontros de Xoves de Lúa Chea’ é de carácter aberto a todo o público interesado. Todas as persoas asistentes poderán degustar de balde un petisco durante a celebración da sesión.