Ir o contido principal

Alonso Montero contrapón nunha conferencia as figuras do Quixote e Juan Palomeque

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, participou este luns no Mes de Cervantes e Shakespeare en Filoloxía coa conferencia ‘Quixotismo e palomequismo’. Tras dun coidado repaso pola súa memoria lectora en relación coa materia do Quixote, ofreceu ao auditorio unha visión pouco coñecida da recepción que a obra de Cervantes tivo entre sectores non afíns ao Réxime durante a Guerra Civil e os primeiros anos do Franquismo.

A conferencia comezou cun eloxio da figura e obra de Santiago Montero Díaz e o seu ensaio Quixotismo e palomequismo (1957) para explorar deseguido a actualidade desta contrafigura. Juan Palomeque ‘el Zurdo’ é, coma Don Quixote, lector de libros de cabalarías, pero as súas actitudes vitais difiren claramente: mentres o quixotismo leva a crenza á acción, o palomequismo é o divorcio entre a conciencia e a acción. Non especialmente atendida polos cervantistas de oficio, esta oposición segue acompañando aos investigadores no catrocentos aniversario da publicación da segunda parte da célebre obra de Cervantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2016.