Ir o contido principal

Alta inserción laboral dos posgraduados en Dirección e Planificación do Turismo

O luns despídese a segunda promoción e dáse a benvida á terceira

O Máster Oficial en Dirección e Planificación do Turismo da USC desenvolve este curso académico a súa terceira edición. Este posgrao está a experimentar unha alta inserción laboral de xeito que a maior parte dos alumnos da primeira promoción desenvolve xa as súas actividades profesionais en empresas e institucións do sector turístico e algúns deles na mesma organización na que fixeron as prácticas.
A segunda promoción asistirá este luns, 21 de setembro, ao seu acto de clausura no que se aproveitará para dar a benvida aos que comezan este ano. A cerimonia iniciarase ás 18:00 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais baixo a presidencia do vicerreitor de Oferta Docente e EEES, Máximo Pló, e contará coa presenza do director do Instituto Turístico de Galicia, José Paz; da decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Maite Cancelo, do director do Hostal dos Reis Católicos e padriño da segunda promoción, Julio Castro; e da coordinadora do máster, Carmen Castro.
Defensa de proxectosO pasado venres rematou a defensa dos proxectos finais de máster da segunda promoción e na que formaron parte dos tribunais como membros externos a secretaria xeral para o Turismo da Consellaría de Cultura e Turismo, Mª Carmen Pardo López; a xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoti; a coordinadora executiva de Unesp-Campus Experimental de Rosana (Brasil), Rosángela Custodio Cortez-Thomaz; a xerente da Mancomunidade de Arousa Norte, Proxectos Consultaría e Formación, Fátima Rodríguez Figueras; e Julio Castro Marcote.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2009.