Ir o contido principal

Alta participación na edición de 2012 do Verán CampUSC

Un grupo de nenos e nenas realizando unha actividade do Verán CampUSC deste ano
Un grupo de nenos e nenas realizando unha actividade do Verán CampUSC deste ano

O número de participantes no Verán CampUSC aumentou un 18,6% respecto á edición de 2011. Nas cinco quendas que se ofreceron de xuño a setembro desenvolveuse un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre, planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e animadas por un equipo de 14 persoas. Entre as actividades figuraban tenis, deportes de combate, psicomotricidade, atletismo, deportes colectivos, orientación, xogos predeportivos, populares, obradoiros de pulseiras, máscaras ou impresión á auga, cancións e xogos cooperativos. Ademais, este ano os nenos e nenas foron ás piscinas do Multiusos Fontes do Sar e visitaron as instalacións da Cidade da Cultura no monte Gaiás. Entre as novidades destacaron así mesmo as actividades "Xoga co Xénero" e Esgrima.

Verán CampUSC 2012 foi posible grazas á colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, do Servizo de Deportes e da Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade da USC. Foi igualmente decisiva a colaboración da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco, da Asociación Compostela Esgrima, da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, do Multiusos Fontes do Sar e das empresas Monbús e Cabreiroá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2012.