Ir o contido principal

Unha alumna de Odontoloxía acada o III Premio Colgate na modalidade de 'Prevención e Periodoncia'

A alumna de Odontoloxía da USC Elena López Alvar acaba de ser galardoada co III Premio Colgate de Investigación Odontolóxica na súa modalidade de ‘Prevención e Periodoncia’. O traballo premiado leva por título ‘Influencia do ritmo circadiano na sustantividade in vivo da Clorhexidina’. O xurado do premio destacou no seu ditame “a interesante relación entre este eficaz antibacteriano e os ciclos circadianos” e outorgoulle ao traballo un total de 1.665 puntos sobre un máximo de 2.500.
O acto de entrega celebrarase na Universidade de Santiago a comezos do vindeiro curso académico. Nel tamén participará a estudante da Universidade de Murcia Cristina Pérez Sánchez, premiada na categoría de ‘Investigación odontolóxica de temática libre’ por un traballo no que desenvolve unha proposta de investigación básica aplicada á área de implantoloxía.
O Premio Colgate distingue a aqueles estudantes dos dous últimos anos de Odontoloxía que desenvolveran unha investigación baseadas nas súas propias hipóteses de traballo. O obxectivo da iniciativa é incentivar aos alumnos para que propoñan ideas que lles inciten ao estudo e desenvolvemento de proxectos e traballos de investigación en calquera área curricular dos estudos de Odontoloxía, contando coa supervisión e consello dun profesor titor da súa universidade.
Nesta edición constituíron o xurado os decanos de Odontoloxía das universidades Complutense, Mariano Sanz; de Barcelona, Silvia Sánchez; de Sevilla, Pedro Bullón; e da Universidade Rey Juan Carlos, Rafael Linares; así como o asesor médico de Colgate, Ignacio Corral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2009.