Ir o contido principal

Unha alumna da USC, entre as 30 persoas seleccionados de toda España para participar no VI Curso de verán en investigación sociolóxica e política en Harvard

Unha alumna da USC é unha das trinta persoas seleccionadas de toda España, entre estudantes, investigadores e profesores, para participar no VI Curso de verán en investigación sociolóxica e política en Harvard, iniciativa que organiza o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) e que se celebrará entre os días 4 e 9 de agosto no Real Colexio Complutense na Universidade de Harvard (Massachussets). O obxectivo do curso é introducir un pequeno grupo de profesores, estudantes posgraduados e investigadores nos desenvolvemento teóricos, metodolóxicos e de investigación máis recentes nas ciencias sociais en Estados Unidos. As conferencias serán impartidas por catedráticos/as de primeira liña, fundamentalmente da Universidade de Harvard ou do MIT. A estudante Carlota Rego participa presentando unha proposta de investigación sobre Gobernanza Multi-nivel e Europeanización aplicada ao contexto de Galicia. Este é un traballo exploratorio sobre gobernanza multi-nivel na Unión Europea dende unha perspectiva top-down, xerado en resposta a unha demanda na disciplina. Concretamente, analízase se a pertenza á UE das entidades galegas do interior ten algunha influencia sobre elas e de que tipo de influencia se trata. Con esta proposta preténdese inspirar a realización de estudos que completen e melloren o presente. As súas aplicacións máis alá da investigación básica en Ciencia Política, serían a de servir de axuda para estudos estratéxicos e para a acción exterior da nosa comunidade. Actualmente, Carlota Rego é alumna do Máster en Comunicación, Mercadotecnia e Consultoría Política da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, onde tamén realizou o Grao en Ciencias Políticas e da Administración, cun ano de Erasmus cursando ‘European Studies e un Minor en International Law’ na Universidade da Haia (Países Baixos) e sendo bolseira de colaboración no Departamento de Ciencia Política. Ademais, é presidenta e fundadora de Global USC (Asociación de Estudantes para as Nacións Unidas de Santiago de Compostela) e bolseira de Posgrao Internacional da Fundación Barrié, bolsa que empezará a gozar o vindeiro curso cun máster relacionado co Desenvolvemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2013.