Alumnado chinés e iberoamericano enche as aulas do máster en Dirección de Proxectos na EPS de Enxeñaría da USC

Estudantado chinés e iberoamericano enchen as aulas da duodécima edición do máster en Dirección de Proxectos, un posgrao oficial que botou a andar este xoves na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo e que conta entre os seus matriculados con titulados universitarios formados nunha ducia de universidades diferentes de Europa, Asia e América.
O coordinador do máster universitario en Dirección de Proxectos da USC, o profesor Carlos Amiama Ares, sinalou que o elevado grao de internacionalización deste programa formativo é unha das características singulares que se está a acentuar nas últimas edicións, nas que o número de persoas graduadas en universidades estranxeiras e alleas ao Espazo Europeo de Educación Superior multiplica a cifra de titulados universitarios en España e no conxunto da UE. Esta realidade, engadiu Amiama, é moi positiva para a proxección da titulación e do campus de Lugo da USC, aínda que tamén require esforzos engadidos por parte dos docentes, que teñen que sortear a dificultade que implica un alumnado que non sempre ten o nivel de coñecemento do idioma desexado.
O máster en Dirección de Proxectos da USC é un máster de carácter profesional, aínda que tamén dá acceso a estudos de doutoramento, orientado cara a calquera persoa con titulación universitaria interesada na xestión de proxectos. Os contidos deste programa abranguen todas as áreas de coñecemento recoñecidas polas dúas organizacións internacionais líderes neste ámbito, tales como o son Project Management Institute (PMI) e International Project Management Association (IPMA).
Os contidos formativos deste programa, estruturado en 60 créditos académicos distribuídos ao longo dun curso académico, esténdense ás dez áreas directivas definidas polo PMI: definición e control do alcance do proxecto, xestión de interesados, estimación e control do prazo e custe do proxecto, xestión da calidade e do risco, xestión de compras e contratacións, xestión de recursos humanos e integración, planificación e control global do proxecto.
Sesión inaugural
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu a sesión inaugural da duodécima edición do máster en Dirección de Proxectos no marco dun acto no que, ademais de estudantes e docentes, tamén participarán o coordinador do posgrao, o profesor Carlos Amiama; o director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta; o concelleiro de Urbanismo Sostible do Concello de Lugo, Miguel Couto, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón.
A apertura desta nova edición do máster en Dirección de Proxectos serviu asemade de escenario para entrega de diplomas a os autores dos mellores Traballos Fin de Máster da décima edición deste posgrao oficial, uns galardóns que recaeron en Brais Varela Romero, gañador do primeiro premio, e Jorge Bustos Atanasio, autor do segundo TFM máis valorado.
De esquerda a dereita, Cuesta, Rivera, Valcárcel, Couto e Amiama, na presentación do máster en Dirección de Proxectos da USC Brais Varela e Jorge Bustos, autores dos mellores TFM da décima edición deste posgrao


