Ir o contido principal

Alumnado de Economía e de Administración de Empresas da USC realizará prácticas en empresas vinculadas á Asociación de Executivas de Galicia

O reitor Juan Casares e Montserrat Sánchez-Agustino materializaron a colaboración nun convenio asinado en San Xerome. Foto: Alfonso-Servimav
O reitor Juan Casares e Montserrat Sánchez-Agustino materializaron a colaboración nun convenio asinado en San Xerome. Foto: Alfonso-Servimav

O alumnado dos graos de Economía e de Administración de Empresas poderán realizar prácticas nas instalacións das empresas asociadas á Asociación de Executivas de Galicia. Ademais, a Asociación poderá achegar os seus expertos/as, asociados/as e interesado/as para aquela parte da docencia teórico-práctica especializada que fora precisa. O reitor Juan Casares e a presidenta da Asociación de Executivas de Galicia, Montserrat Sánchez-Agustino, asinaron este mércores 5 en San Xerome un convenio de colaboración que regula estes aspectos. No acto estiveron presentes ademais a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Mª Emilia Vázquez Rozas, o vicedecano do centro e a vicepresidenta da O establecemento desta colaboración, en opinión do reitor Juan Casares, destaca pola importancia de afianzar lazos cunha asociación que reflicte a crecente presenza de mulleres en postos destacados do contorno empresarial, o que dá continuidade á propia realidade universitaria onde se rexistra unha presenza maioritaria de mulleres no colectivo do alumnado. Por outra banda, Casares agradeceu o esforzo da Asociación de Executivas por contribuír a transmitir a mensaxe real de que a universidade asume a formación de homes e mulleres máis alá das aulas, xuntando aos contidos teóricos un mellor coñecemento do contorno no que desenvolverán o seu futuro profesional. Neste mesma liña, Montserrat Sánchez-Agustino considera que o programa de prácticas a desenvolver evidencia o compromiso do colectivo que encabeza coa Universidade por contribuír á formación de profesionais cualificados. A presidenta da Asociación de Executivas entende que os programas de prácticas en empresas e institucións son ademais un estímulo ao emprendemento e ao fomento do autoemprego entre os universitarios, a través do contacto directo con iniciativas empresariais. O programa de prácticas a desenvolver ao abeiro deste convenio terá unha carga lectiva de ata un máximo de seis créditos correspondentes ao cuarto curso dos graos de Economía e de Administración de Empresas. De xeito xenérico, permitirá desenvolver os comportamentos do rol profesional básico (asistencia, puntualidade ou cumprimento das tarefas asignadas, entre outros), poñer en práctica competencias de carácter transversal propias do exercicio profesional, como o traballo en equipo, a comunicación ou análise e resolución de problemas, así como poñer en prácticas competencias específicas do profesional da economía. Para matricularse neste período formativo será requisito superar polo menos 150 créditos obrigatorios, entre eles a totalidade do 1º e o 2º curso. A realización de prácticas en determinadas empresas ou institucións poderá ademais requirir superar algunha/s materia/s concretas do plan de estudos, pola súa especial vinculación con todo tipo de actividade profesional que se desenvolva nelas. As actividades a desenvolver neste período formativo concretaranse nun programa específico de actividades, en función das características, obxectivos e funcións de cada centro de traballo, que contemplará o contacto do estudantado cunha serie de labores e tarefas que nese centro se desenvolvan, sempre baixo a tutela do profesional responsable. Durante a realización das prácticas, o alumnado manterá contacto periódico co titor académico que realizará un seguimento e orientación do desenvolvemento das prácticas en coordinación co titor profesional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2012.