Ir o contido principal

O alumnado de Económicas e Empresariais fará prácticas na Cámara de Comercio

A USC e a Cámara de comercio asinaron un convenio para a realización de prácticas do alumnado de Ciencias Económicas e Empresariais. Foto: Alfonso-Servimav
A USC e a Cámara de comercio asinaron un convenio para a realización de prácticas do alumnado de Ciencias Económicas e Empresariais. Foto: Alfonso-Servimav

O alumnado dos graos en Administración e Dirección de Empresas e en Economía, ambos os dous da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, poderán facer prácticas na Cámara de Comercio compostelá grazas a un convenio asinado este martes en San Xerome polo reitor Juan Casares e o presidente da Cámara, Jesús Asorey. Con estas prácticas ofertaráselle ao alumnado a formación necesaria para adquirir unha experiencia enriquecedora que lle permita, unha vez finalizados os estudos, incorporarse con máis facilidade e maior perspectiva profesional ao mercado laboral. “Trátase –asegurou Asorey– de que a idea empresarial cale dentro da Universidade e así axudar a promover a creación de empresas”. Na mesma liña, o reitor falou da necesidade de formar “profesionais competentes, pero tamén persoas autónomas que poidan tomar no futuro as súas decisións laborais en base a un coñecemento real do mercado”.

O acordo regula a programación, desenvolvemento e verificación de períodos de prácticas tuteladas, que nunca poderán exceder das 150 horas por período. A selección das persoas candidatas realizaraa a Universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2012.