Alumnado da Escola de Práctica Xurídica da USC realizará prácticas nos concellos da provincia co apoio da Deputación da Coruña

O reitor Antonio López Díaz, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal Mosquera, asinaron este venres na sede da institución provincial un convenio de colaboración para o financiamento das prácticas de alumnado da Escola de Práctica Xurídica da USC nos departamentos de urbanismo dos concellos da provincia. O acto contou tamén coa presenza do director da Escola de Práctica Xurídica e do máster de abogacía da USC, Lotario Vilaboy.
O obxecto do protocolo é proporcionar as necesarias prácticas xurídicas a tituladas/os en Dereito e alumnado da Escola, que serán encargados da realización de estudos, informes, escritos e xestión de expedientes, o que lles proporcionará un coñecemento directo, mediante supostos concretos e reais, do traballo diario que se realiza nos departamentos de urbanismo dos concellos.
Ao mesmo tempo, este acordo axudará a fortalecer os servizos urbanísticos dos concellos da provincia da Coruña, que precisan da colaboración de tituladas/os en Dereito que realicen labores de asesoramento en diversas materias relativas ao desenvolvemento da súa actividade, procurando así unha mellor atención para os cidadáns. A Deputación achega 48.000 euros para financiar as prácticas dun máximo de 20 alumnos durante este ano.