Alumnado do máster en atención temperá da USC aprende a tratar nenos vítimas de acoso nas redes sociais
O alumnado do Master de Avaliación e Intervención en Atención Temperá que dirixe a profesora María José Buceta recibe formación específica para detectar e tratar casos de nenos vítimas de ciberacoso, tanto na web como nas redes sociais. O encargado de impartir esta docencia é o doutor José Luis Pedreira Massa, paidopsiquiatra do Hospital Niño Jesús de Madrid e especialista en infancia e adolescencia, que nunha das últimas sesións teóricas do posgrao que reivindicou a importancia da prevención educativa e social ante unha situación que afecta cada vez a máis menores. Pedreira Massa referiuse ao último estudo levado a cabo pola compañía Microsoft que cifra nun 37% os nenos e adolescentes españois que aseguran ter sufrido ciberacoso e nun 19% quen recoñece ter acosado a alguén a través de internet. Consciente desta realidade, Pedreira recordou que o acoso escolar se está trasladando cada vez máis á rede, polo que incidiu na importancia de establecer un maior control, sobre todo, no uso das redes sociais. O especialista alertou ao alumnado do aumento de prácticas como o grooming -cando un adulto establece lazos de amizade cun menor en Internet para obter unha satisfacción sexual- ou sexing -envío de contidos eróticos ou pornográficos fundamentalmente a través de teléfonos móbiles-, causantes de importantes trastornos no comportamento nos menores Baixa autoestima, síntomas ansioso-depresivos, vitimización crónica, histeria ou tendencia á soidade son algunhas das repercusións clínicas ás que están sendo sometidos os menores vítimas de ciberacoso que, como destacou Pedreira, poderán desembocar en idade adulta en trastornos de ansiedade, abuso ou dependencia de tóxicos ou comportamentos antisociais. Educación para a morte en oncoloxía infantil Durante os vindeiros meses os alumnado deste máster –que se leva celebrando dende hai máis de 18 anos na USC– recibirán formación sobre menores con trastornos físicos ou mentais así como materias xurídicas para coñecer o papel dos menores no Dereito Civil ou técnicas de educación para a morte en oncoloxía infantil.
O máster, que comezou en outubro, está destinado a psicólogos, psicopedagogos, pedagogos, médicos, traballadores sociais, logopedas, fisioterapeutas, mestres especializados en audición e linguaxe e en educación infantil, así como enfermeiros. O equipo docente está composto por docentes especializados en Medicina Forense, Neuropediatría, Medicina Preventiva Dereito, Paidosiquiatría, Pedagoxía, Xinecoloxia, Xenética, Psicoloxía, Pediatria, entre outras disciplinas.